María José Gómez salienta a importancia da conservación e o mantemento das razas autóctonas no XXV aniversario de Boaga
A conselleira do Medio Rural participou hoxe nesta celebración, onde recoñeceu e agradeceu o labor levado a cabo por esta entidade
Gómez puxo tamén de relevo o traballo desenvolvido polo Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, que xogou un papel fundamental na creación de rabaños fundacionais e na conservación da diversidade xenética destas razas
Reafirmou o compromiso do Executivo galego pola conservación das razas autóctonas, e asegurou que seguirá a apoialas a través de liñas de achegas específicas, como é o caso das axudas destinadas á recría
Coles (Ourense), 17 de setembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na celebración do XXV aniversario da Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga. Durante a súa intervención, destacou a importancia da conservación e mantemento destes animais. Así, recoñeceu e agradeceu o labor levado a cabo por Boaga neste eido.
Seguindo esta liña, puxo de relevo o traballo desenvolvido polo Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, localizado no Pazo de Fontefiz, no que hoxe se celebra este evento, e que xogou un papel fundamental na creación de rabaños fundacionais e na conservación da diversidade xenética destas razas.
En Fontefiz atópase tamén o Banco de Xermoplasma Animal de Galicia, que asegura a supervivencia das razas autóctonas mediante o mantemento de doses seminais de ovino, cabrún, equino, porcino e bovino, así como embrións de equino e das cinco razas de bovino.
Compromiso do Goberno autonómico coas razas autóctonas
María José Gómez reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego pola conservación das razas autóctonas, e asegurou que seguirá a apoialas a través de liñas de achegas específicas, como é o caso das axudas destinadas á recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas, que este ano contan cun orzamento de 390.000 euros. Esta partida ten como fin apoiar ás persoas gandeiras que apostan pola preservación do patrimonio xenético, así como pola sustentabilidade no rural
Ademais, a Consellería convocou por primeira vez os premios Exceraza, que teñen como finalidade distinguir a actividade dos gandeiros no proceso de cría das razas bovinas autóctonas a prol do mantemento destes recursos zooxenéticos, conseguindo uns produtos cárnicos de maior calidade de forma sustentable e velando polo benestar animal.