A conselleira do Medio Rural interveu na reunión anual da Comisión coordinadora nacional de investigación agraria, que se celebra no CIAM de Mabegondo

María José Gómez destaca que o labor investigador da Xunta en materia agraria mobilizou 40,7 M€ desde 2020

A titular de Medio Rural sinala a importancia de “investigar, experimentar e conseguir que o coñecemento sexa útil para quen traballa no campo” porque, engadiu, “a investigación agraria ten que estar ao servizo do territorio”

Define esta capacidade de transferencia como unha das “fortalezas” de Galicia, que vincula con Galicia Calidade como “unha forma de facer as cousas, coidando o noso territorio, as tradicións e a nosa maneira de producir, pero mirando sempre ao futuro”

Avoga por reforzar a colaboración entre o Estado e as autonomías en materia investigadora, con instrumentos estables e adecuados, e por avanzar en cuestións clave como as infraestruturas científicas e a conservación dos recursos xenéticos

Abegondo (A Coruña), 1 de outubro de 2026

A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, xestionou desde 2020 un total de 306 proxectos de investigación agroalimentaria, mobilizando 40,7 millóns de euros. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa intervención na reunión anual da Comisión coordinadora nacional de investigación agraria, que tivo lugar nas instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), adscrito a Medio Rural.

Precisamente, sobre este centro, a conselleira salientou tamén que só o pasado ano participou en 54 proxectos de I+D+i e en 352 actividades de transferencia e difusión. Neste acto, a titular de Medio Rural estivo acompañada polo director da devandita axencia, Martín Alemparte, e polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso.

Neste contexto, María José Gómez sinalou a importancia de “investigar, experimentar e conseguir que o coñecemento sexa útil para quen traballa no campo” porque, engadiu, “a investigación agraria ten que estar ao servizo do territorio”. Todo isto, para afrontar desafíos coma o cambio climático, a sanidade, a eficiencia no uso dos recursos, as novas tecnoloxías, a rendibilidade ou a necesidade de xerar máis valor a partires das producións.

Nesta liña, a conselleira definiu esta capacidade de transferencia como unha das “fortalezas” de Galicia e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria: que a investigación acaba chegando aos produtos, e de aí o concepto de Galicia Calidade como “unha forma de facer as cousas, coidando o noso territorio, as nosas tradicións e a nosa maneira de producir, pero mirando sempre cara o futuro”.

Colaboración a prol da investigación agraria

Sobre esta comisión coordinadora, Gómez lembrou que naceu, precisamente, para optimizar esforzos entre o Estado e as comunidades autónomas. E, neste sentido, avogou por reforzar esa colaboración, con instrumentos estables e adecuados, e por seguir intensificando cuestións esenciais como son as infraestruturas científicas e conservación dos nosos recursos xenéticos. En relación con este último aspecto, puxo en valor o Banco de Xermoplasma do CIAM, que conserva variedades e materiais xenéticos que forman parte do patrimonio agrario galego. E máis concretamente as súas novas instalacións, froito dun investimento de 3,5 millóns de euros para darlle un novo impulso a ese labor.

A conselleira insistiu en que a unión das autonomías e o Estado ten que servir para “avanzar sen perder a nosa esencia, e facelo xuntos”, porque ningunha comunidade pode afrontar soa todos os retos do sector agropecuario, tamén a apertura de novos mercados, que poden xerar incertezas, pero tamén oportunidades. Algo no que incide a Declaración de Mabegondo, que sairá deste encontro e que se centra en impulsar novas formas de cooperación no ámbito da investigación e a innovación agroalimentarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2026