A Xunta salienta o carácter pioneiro do Plan integral para a mellora da prevención e o benestar laboral nunha xornada celebrada na Universidade da Coruña
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na clausura da II Xornada galega de PRL: Universidade e empresa ante os retos preventivos
A Coruña, 2 de outubro de 2026
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na clausura da II Xornada galega de PRL: Universidade e empresa ante os retos preventivos, organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña, as tres universidades públicas galegas, Aprosal e Avanta co gallo de analizar os principais desafíos da seguridade e saúde no traballo. Alí, puxo en valor o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029 aprobado polo Consello da Xunta o pasado luns, que ten como un dos seus tres eixes principais reforzar a prevención e o benestar laboral.
Con este plan pioneiro en España como pano de fondo, Adela Quinzá-Torroja defendeu reforzar a colaboración entre Administracións, empresas e universidades co gallo de compartir coñecemento e experiencias e avanzar cara a contornas laborais máis seguras, saudables e sostibles. Nese senso, salientou a importancia de inculcar a cultura preventiva desde idades temperás e en todos os niveis do ensino, para que a identificación dos riscos e a adopción de hábitos seguros formen parte da aprendizaxe antes mesmo da incorporación ao mercado laboral.
No caso concreto do ámbito universitario, apuntou que o Issga mantén unha colaboración continua coas universidades galegas mediante a participación en xornadas como a de hoxe, actividades formativas, visitas de alumnado, proxectos de investigación e prácticas académicas externas dos mestrados de prevención de riscos laborais.
Nesa liña, puxo de relevo que tres das mesas do acto abordan a transición ecolóxica, demográfica e dixital, retos que se corresponden con actuacións recollidas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 co fin de afrontar os riscos derivados dos novos escenarios no traballo.