O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración inaugurou na Coruña a xornada ‘Boas prácticas para o benestar laboral’, organizada por Nordés Club Empresarial

A Xunta aposta por consolidar unha cultura empresarial centrada nas persoas e reforzar o benestar laboral nas pemes

José González pon en valor o plan integral de benestar laboral 2026-2029, aprobado tralo consenso acadado no Diálogo Social e con 37 medidas en materia de prevención, benestar laboral, atención sanitaria e reincorporación saudable ao traballo

Lembra que o documento prevé que as pequenas e medianas empresas conten con apoios para investir en equipamento ergonómico, facilitar atención psicolóxica e musculoesquelética e cubrir substitucións durante incapacidades temporais longas

A Coruña, 15 de outubro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou esta mañá na inauguración da xornada Boas prácticas para o benestar laboral, organizada polo Nordés Club Empresarial. Alí puxo en valor a importancia de avanzar cara a unha cultura empresarial que sitúe as persoas no centro, apostando pola prevención e o pulo ao benestar laboral.

De feito, asegurou que este tipo de investimentos son cruciais para garantir o futuro e a competitividade das empresas xa que contribúen a mellorar a produtividade, favorecer a retención do talento e a construír organizacións máis sólidas.

Nesa liña, destacou o novo Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de setembro froito do consenso acadado no marco do Diálogo Social e que conta con 37 medidas concretas.

O plan, lembrou, aborda o benestar laboral desde unha perspectiva integral, reforzando a prevención, mellorando e axilizando os procesos asistenciais para evitar prolongacións innecesarias e poñendo en valor a importancia dun uso corresponsable do sistema de protección.

Apoio ás pemes e ás persoas autónomas

José González salientou que esta aposta debe chegar a todo o tecido produtivo, con especial atención ás pemes, microempresas e persoas autónomas, que non sempre dispoñen dos mesmos recursos para implantar medidas de prevención e benestar “que poidan ir un paso máis aló do xa esixido pola lexislación vixente”.

Nesta liña, lembrou que a planificación aprobada —cuxo órgano técnico de referencia será o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga)— inclúe medidas como o programa Coida Peme, para facilitar servizos voluntarios e confidenciais de atención psicolóxica e musculoesquelética para o persoal. Ao mesmo tempo, o plan prevé apoios á substitución en microempresas e entre persoas autónomas durante baixas de longa duración, así como para ferramentas, equipamentos e adaptacións que favorezan unha reincorporación saudable ao posto de traballo.

O conselleiro puxo en valor xornadas coma esta pois convértense en espazos para compartir experiencias e boas prácticas que poidan servir de referencia a outras organizacións, e incidiu na importancia da colaboración entre administracións, empresas e persoas traballadoras para avanzar cara a contornas laborais máis saudables.

Data de actualización: 15/10/2026