A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións da Queixería en Vilalba
A Xunta destaca en Entrepinares o valor da transformación de preto do 10% do leite galego para xerar riqueza e emprego no rural
Salienta a relación desta empresa coas explotacións gandeiras galegas e a súa contribución á estabilidade do sector produtor
Porá en marcha unha nova fábrica de queixo Cottage e novos equipamentos industriais
A ampliación permitirá diversificar a produción, ampliar a gama de produtos e reforzar a competitividade da compañía, ademais de reafirmar o papel de Vilalba como un dos principais centros de transformación de leite en España
Vilalba (Lugo), 16 de outubro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe na súa visita a Entrepinares, en Vilalba, que esta empresa recolle máis de 250.000 millóns de litros de leite en Galicia, o que supón a transformación de preto do 10% do leite producido na nosa comunidade, situando á corporación como un dos primeiros compradores de leite.
Nesta liña, Gómez sinalou que contar cunha industria láctea sólida, innovadora e vinculada ás explotacións é fundamental para a economía galega e para o futuro do noso rural e puxo en valor a transformación do leite na propia comunidade, que “permite xerar máis valor engadido e oportunidades para que as empresas sigan a medrar no territorio”, afirmou.
Deste xeito, durante a súa intervención ao remate do percorrido da visita, a titular de Medio Rural gabou a “estreita relación co sector produtor” que ten a empresa, que “aposta por fidelizar aos seus clientes” e afirmou que, a través da compra de materia prima a explotacións locais, a empresa “axuda a garantir estabilidade ás explotacións gandeiras e contribúe á sustentabilidade da cadea de valor láctea”.
Así, definiu Entrepinares como unha empresa que destaca polo seu compromiso coa calidade, a innovación e a modernización dos seus procesos produtivos. Neste contexto, a empresa vén de recibir unha axuda da Consellería, ao abeiro da liña de axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, para poñer en marcha unha fábrica de queixo Cottage, así como para a incorporación de novos equipamentos industriais e a mellora das infraestruturas da fábrica.
O queixo Cottage é un queixo fresco de alto contido proteico e “de crecente demanda no mercado”, como sinalou a conselleira, polo que esta expansión permitirá “diversificar a produción da planta, ampliar a gama de produtos elaborados pola empresa e reforzar a súa competitividade no mercado”.
Así, aseverou que esta nova ampliación “cara a transformación do leite nun produto moi popular”, supón unha aposta “pola xeración de riqueza no territorio, polo mantemento do emprego industrial e pola valorización do leite producido en Galicia”.