Medio Rural pon en valor o modelo galego de calidade diferenciada ante representantes do sector apícola de Arxentina e Uruguai
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria recibiu hoxe en Sergude unha delegación internacional interesada en coñecer o modelo galego de certificación, asociacionismo e innovación no sector apícola
A visita forma parte dun proxecto de cooperación internacional para impulsar a diferenciación, o valor engadido e a competitividade da industria en ambos os países
Boqueixón (A Coruña), 22 de outubro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, recibiu hoxe no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude a representantes do Instituto Nacional de Tecnoloxía Industrial (INTI), de Arxentina, e do Laboratorio Tecnolóxico do Uruguai (LATU), que visitan Galicia para coñecer experiencias de referencia en asociacionismo, calidade diferenciada, innovación e diversificación da produción apícola.
Durante o encontro, Alemparte destacou a aposta de Galicia por un modelo agroalimentario baseado na calidade, a diferenciación e a xeración de valor engadido, sustentado nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, na agricultura ecolóxica e na artesanía alimentaria. Neste sentido, salientou que as producións galegas de calidade diferenciada acadaron en 2025 unha facturación próxima aos 746 millóns de euros, implicando a máis de 21.700 produtores e explotacións agrarias e 1.100 industrias agroalimentarias.
Así mesmo, destacou o papel da Axencia na investigación, innovación, formación agraria e promoción da calidade diferenciada, favorecendo a transferencia de coñecemento ao sector e a capacitación dos futuros profesionais agrarios. Neste contexto, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia constitúe un exemplo de diferenciación mediante a certificación da orixe, a autenticidade e a calidade do produto, reforzando a confianza dos consumidores e contribuíndo á súa valorización comercial.
A visita enmárcase nun proxecto de cooperación triangular para América Latina e o Caribe, impulsado no marco da Cooperación Española e xestionado fundamentalmente pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), co obxectivo de favorecer a innovación, a mellora tecnolóxica e a competitividade da produción apícola en Arxentina e Uruguai.
Programa de visitas en Galicia
Ao longo da súa estadía, do 20 ao 22 de outubro, a delegación internacional coñeceu diferentes experiencias do sector apícola galego, entre elas a Agrupación Apícola de Galicia, a cooperativa Erica Mel e varias explotacións dedicadas á produción, selección de raíñas e comercialización de mel.
Na sede da Agrupación Apícola de Galicia, en Barbadás, os participantes coñeceron o proxecto Belacolmea, orientado á diversificación das explotacións mediante o aproveitamento dos produtos da colmea para a elaboración de cosmética apícola. Tamén participaron nunha mesa redonda coa Universidade de Vigo para intercambiar experiencias sobre os retos e oportunidades do sector.
A programación culminou hoxe coa visita ao Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, onde coñeceron os mecanismos de control, certificación e promoción deste produto, ademais de participar nunha cata comentada de meles galegos.
A xornada incluíu tamén visitas ao CFEA de Sergude e aos consellos reguladores da DOP Queixo Tetilla e das indicacións xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, permitindo achegar á delegación unha visión máis ampla do modelo galego de calidade diferenciada.