Medio Rural destaca a importancia de transferir ao sector agrario os resultados dos proxectos de innovación
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou na xornada final do grupo operativo BIO_MARTERRA, centrado no desenvolvemento de bioestimulantes elaborados con algas mariñas para mellorar a resistencia dos cultivos
Pontevedra, 22 de outubro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na xornada final do proxecto innovador BIO_MARTERRA, celebrada na Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), onde destacou a importancia de impulsar unha investigación agraria orientada ás necesidades reais dos produtores e de garantir a transferencia dos seus resultados ao sector.
Durante a súa intervención, salientou que o verdadeiro valor dos proxectos de innovación non reside unicamente na xeración de coñecemento científico, senón na súa capacidade para ofrecer solucións prácticas, mellorar a competitividade das explotacións e crear novas oportunidades para o rural galego.
Neste sentido, puxo en valor os grupos operativos como modelo de cooperación entre empresas, agricultores, universidades e centros de investigación. No marco desta liña de apoio á innovación agraria, a Xunta de Galicia apoia 44 grupos operativos, destinados ao desenvolvemento de solucións innovadoras que respondan ás necesidades do sector produtivo.
Así mesmo, destacou que a Axencia non só impulsa e apoia economicamente estes proxectos, senón que tamén participa directamente na investigación agraria a través dos seus centros, como o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que colaborou no desenvolvemento de BIO_MARTERRA mediante ensaios con cultivos hortícolas e variedades locais.
Innovación que conecta o mar e a terra
O proxecto BIO_MARTERRA centrouse no desenvolvemento e avaliación de bioestimulantes elaborados a partir de algas mariñas, incluídos subprodutos da súa transformación, para mellorar a resistencia de cultivos de horta, pataca e viñedo fronte a condicións adversas como a seca, as altas temperaturas, a salinidade ou determinadas enfermidades.
A investigación, desenvolvida mediante ensaios de laboratorio, invernadoiro e campo, constitúe un exemplo de economía circular e de aproveitamento dos recursos mariños para avanzar cara a unha agricultura máis sostible e competitiva, prestando especial atención ás variedades autóctonas e aos cultivos de interese para Galicia.
O grupo operativo está liderado por Porto-Muiños e conta coa participación de FEUGA, a Universidade de Santiago de Compostela, o CSIC-Misión Biolóxica de Galicia e Avelino Santana, así como do CIAM e Horta da Lousa como entidades cooperantes.
BIO_MARTERRA contou cunha axuda pública, no marco das convocatorias destinadas aos grupos operativos da Asociación Europea para a Innovación (AEI), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Estas axudas buscan fomentar a cooperación e a innovación no sector agrario, favorecendo a aplicación práctica do coñecemento científico. Neste contexto, desde AGACAL salientouse que a transferencia dos resultados debe ir máis alá das xornadas finais de divulgación, facilitando a súa difusión e posible incorporación ás explotacións agrarias.