A conselleira clausurou o acto de entrega dos primeiros premios ExceRazas, celebrado no Pazo de Fontefiz, en Coles

María José Gómez afirma que o compromiso da Xunta coas razas gandeiras autóctonas supón tamén un apoio ás persoas que viven no rural

Destaca que así se contribúe, ademais, a que as vilas e aldeas teñan futuro, a que o territorio siga coidado e a que non se perda unha forma de vida inseparable da identidade e da historia da nosa comunidade

Pon en valor que estas razas contribúen a manter os espazos abertos e axudan a coidar os montes e as paisaxes, converténdose en “excelentes rozadoiras naturais” e grandes aliadas na prevención dos incendios forestais

Recoñece o labor das persoas criadoras, gandeiras, técnicas e veterinarias que co seu esforzo fixeron posible manter e potenciar este recurso gandeiro propio de Galicia

Coles (Ourense), 22 de outubro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe o apoio da Xunta ás razas bovinas autóctonas de Galicia, xa que isto supón “apoiar tamén ás persoas que viven no rural”. Ademais, destacou que con este compromiso contribúese a que as vilas e aldeas teñan futuro, a que o territorio siga coidado e a que non se perda unha forma de vida inseparable da identidade e da historia da nosa comunidade.

A conselleira, acompañada por varios altos cargos do seu departamento, clausurou o acto de entrega dos primeiros premios ExceRazas, celebrado no Pazo de Fontefiz da localidade ourensá de Coles. Estas dependencias acollen o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, responsable da elaboración e desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

Cos galardóns ExceRazas a Xunta quere recoñecer e premiar a profesionalidade das persoas criadoras destas razas, tanto por manter a pureza racial “cando outras razas gañaban terreo, contribuíndo a que non se perdesen”, como pola súa eficiencia técnica e polo coidado do benestar animal e da saúde dos rabaños. Por iso, utilízanse indicadores obxectivos certificados polos libros xenealóxicos de cada raza.

Os premios, que teñen un carácter honorífico, distinguen as persoas criadoras en cinco grupos, en función da raza que críen –cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa–, e dentro de cada raza en tres bloques, con galardóns á excelencia gandeira, ao legado e vigor e á identidade e semente da raza.

Coidado de montes e paisaxes

Na súa intervención neste acto, María José Gómez puxo en valor este gando autóctono, que cos seus aproveitamentos dos pastos contribúe a manter os espazos abertos e axuda a coidar os montes e as paisaxes. Ademais, a conselleira subliñou que as reses funcionan como “excelentes rozadoiras naturais”, polo que constitúen “unhas grandes aliadas na prevención dos incendios forestais”.

Nesta liña, e en referencia aos criadores, a titular de Medio Rural sinalou que con este recoñecemento sáldase unha débeda “con quen mantivo viva esta parte do noso patrimonio gandeiro” e recoñécense, así mesmo, os resultados do seu esforzo, con animais que destacan pola súa capacidade reprodutiva e cun traballo de selección xenética que permite avanzar na súa mellora. Fixo extensivo este agradecemento aos profesionais que estudaron estas razas, aos equipos técnicos e veterinarios e a quen continúa investigando e traballando na selección e na mellora xenética destas razas.

A conselleira ligou o futuro deste recurso gandeiro ao porvir xeral do rural galego, xa que o seu valor “vai moito máis alá das propias explotacións”, e quixo recoñecer tamén o papel da federación de criadores, Boaga, que vén de celebrar os seus 25 anos de historia e que co seu “traballo colectivo” impulsou a conservación e posta en valor destas razas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2026