A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou coa alcaldesa, María Dolores Castiñeira, a cesión das dúas parcelas municipais nas que se construirán estes fogares

A Xunta licita por 6,7 M€ a redacción do proxecto e as obras de construción de 32 vivendas públicas en Salceda de Caselas

Allegue sinalou que para axilizar a tramitación, a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación, que inclúe no mesmo contrato a redacción do proxecto, a dirección da obra e a execución das vivendas

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de decembro

Construiranse dous edificios, un nunha parcela para 14 novas vivendas; e outro na outra parcela para 18 fogares, todos “accesibles e eficientes enerxeticamente”

Salceda de Caselas é un dos 18 concellos que están a ceder de balde solo municipal á Xunta para seguir construíndo máis vivenda pública

Salceda de Caselas (Pontevedra), 23 de outubro de 2026

A Xunta licita por 6,7M€ a redacción do proxecto e as obras de construción de 32 vivendas públicas en Salceda de Caselas.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asinou esta tarde coa alcaldesa, María Dolores Castiñeira, a cesión das dúas parcelas municipais nas que se construirán estes fogares.

Allegue sinalou que co fin de axilizar a tramitación, a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación, que inclúe no mesmo contrato a redacción do proxecto, a dirección da obra e a execución da construción das vivendas. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de decembro.

Detallou que se construirán dous edificios, un nunha das parcelas para 14 novas vivendas; e outro na outra parcela para 18 novos fogares. Destacou que serán “vivendas accesibles e eficientes enerxeticamente”.

Subliñou que tal como establecen os pregos de licitación, a utilización de técnicas industrializadas é un dos requisitos para construír estas vivendas. Lembrou que a Xunta vén apostando por este sistema que acurta tempos, atalla o problema da falta de man de obra e é máis sostible e seguro.

Recordou que sen solo dispoñible non se pode edificar, polo que agradeceu a colaboración ao Concello de Salceda de Caselas, un dos 18 municipios que están a ceder parcelas de balde á Xunta para que poida construír máis vivendas públicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2026