Belén do Campo destaca que o Bono Remuda da Xunta beneficiou a catros negocios da cidade con achegas próximas aos 100.000€

A representante do Goberno autonómico destacou que  iniciativa xa permitiu apoiar a 12 negocios na provincia da Coruña e que este ano incrementou o seu orzamento un 20% para garantir a continuidade do tecido comercial e empresarial galego

A Coruña, 11 de novembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, achegouse hoxe ás instalacións de Zeda Car, un dos establecementos que recibiron apoio de 30.000 euros a través do Bono Remuda, o programa autonómico co que se busca favorecer o traspaso de negocios entre persoas traballadoras autónomas e evitar o peche de empresas que teñen posibilidades de continuar a súa actividade.

Esta iniciativa xa chegou na provincia da Coruña a 12 negocios repartidos en nove concellos, aos que a Xunta destinou máis de 275.000 euros. Na cidade da Coruña foron catro as empresas beneficiarias, que recibiron achegas por un importe conxunto próximo aos 100.000 euros.

Durante o encontro, Belén do Campo salientou a importancia de contar con instrumentos que axuden a manter en funcionamento os pequenos establecementos e permitan que novas persoas emprendedoras tomen o relevo de negocios en activo. Neste sentido, lembrou que a Xunta reforzou este ano nun 20 % os recursos destinados ao Bono Remuda, que contou cunha dotación de 1,5 millóns de euros. Belén do Campo destacou o éxito destas axudas xa que se rematou o crédito dispoñible.

A representante autonómica incidiu en que este programa contribúe a preservar o tecido empresarial de proximidade, conservar postos de traballo e ofrecer novas oportunidades a quen desexa iniciar un proxecto empresarial asumindo a continuidade dunha actividade xa consolidada.

O Bono Remuda tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, atendendo as solicitudes pola orde na que se presentan, e establece dúas modalidades en función da localización do negocio. O Bono Remuda Rural está dirixido aos establecementos situados en concellos de menos de 10.000 habitantes, mentres que o Bono Remuda Xeral, foi aplicable nos municipios de maior tamaño. A subvención pode acadar, con carácter xeral, os 30.000 euros, agás nas excepcións recollidas nas bases da convocatoria.

O Bono Remuda establece achegas diferenciadas para as dúas partes da operación. Así, a persoa que asume a titularidade do negocio pode recibir ata 30.000 euros, cunha subvención do 70 % do prezo do traspaso no caso da modalidade xeral e do 75 % na rural. Pola súa banda, a persoa que cede o establecemento recibe unha axuda adicional de 3.000 euros na modalidade xeral e de 6.000 euros na rural, favorecendo así tanto a continuidade dos negocios como o relevo das persoas autónomas que rematan a súa etapa profesional

A delegada lembrou que esta medida se integra na orde unificada de apoios da Xunta ao traballo autónomo, que reúne cinco liñas destinadas a acompañar as persoas emprendedoras tanto no inicio como no desenvolvemento e mantemento dos seus proxectos.

Entre as medidas incluídas nesta convocatoria figura o programa de promoción do emprego autónomo, que dispón de 28,9 millóns de euros e incorpora como novidade a ampliación ata os dous anos da cobertura da cota cero para as novas actividades relacionadas coa agricultura, a gandaría e a silvicultura, fronte aos doce meses establecidos con carácter xeral.

A orde complétase co Bono Nova Oportunidade, cun orzamento de 1,5 millóns de euros para apoiar as persoas que deciden volver emprender por conta propia; o Bono Autónomo, que conta con 8 millóns de euros para financiar investimentos e melloras en negocios cunha antigüidade superior aos 42 meses; e os incentivos á conciliación da vida familiar e laboral das persoas autónomas, dotados con 750.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2026