Belén do Campo destaca o investimento de preto de 4 M€ na cidade de Santiago de Compostela para formar a 1.260 persoas sen emprego nos ámbitos máis demandados polas empresas

A delegada da Xunta visitou hoxe na academia Agadea unha das catro Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD) que contaron cunha achega do Goberno galego de máis de 182.000 euros

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a presidenta de Agadea, Isabel Gey, visitou esta tarde ao alumnado do centro de formación Agadea (Asociación Galega de Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer) nunha das súas Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD) que imparten cunha achega de máis de 182.000 euros do Goberno galego na convocatoria 2026-2027 que lle permite impartir catro cursos, de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e xestión de chamadas de teleasistencia, dous xa rematados e outros  dous cos mesmos contidos que comezaron o pasado 30 de outubro.

O curso de xestión de chamadas de teleasistencia conta con 388 horas de formación, en horario de 9.30 e 14.30 horas, e o de atención e de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais con 538 horas, en horario den 15.30 a 20.30 horas, que foi o que visitou a delegada.  Ambos cursos, de grao C, teñen carácter dual obrigatorio. En ambos casos os alumnos que cumpran os requisitos teñen a posibilidade de acceder a unha bolsa de asistencia e desprazamento

Durante a visita puido charlar cos participantes nesta segunda queda do curso en horario de tarde. Alí, interesouse polo seu grao de satisfacción con esta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración enfocada á adquisición e mellora de competencias profesionais en ámbitos con alta demanda de emprego.

A representante autonómica recordou que a convocatoria 2026-2027 deste programa estivo dotada con 60 M€, cos que o Goberno galego pretende reforzar a cualificación profesional e facilitar a inserción laboral da cidadanía. Co reforzo orzamentario, a Xunta chegará a 10.700 persoas beneficiarias. Na provincia da Coruña xa están aprobados un total de 343 cursos, en 84 entidades e en 8 concellos cun investimento de máis de 17,5 millóns de euros, con 5.145 prazas, e na cidade de Santiago , un total de 84 accións formativas para desempregados en 16 entidades da cidade por valor de preto de 4 millóns de euros con prazas para 1.260 persoas sen emprego.

A delegada da Xunta sinalou tamén que esta iniciativa está integrada no novo modelo de formación para o emprego impulsado pola Administración autonómica, “que conta cunha maior flexibilidade, simplificación administrativa e adaptación ás necesidades reais do tecido empresarial galego, dando resposta así ás vacantes que existen no mercado laboral”.

As accións están dirixidas preferentemente a persoas desempregadas, aínda que tamén poderán participar persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas dispoñibles no caso de existiren vacantes.

A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas iniciativas é mellorar as competencias profesionais das persoas participantes e facilitar a obtención de certificados profesionais con impacto directo na súa empregabilidade e inserción laboral. Belén do Campo lembrou que neste momento só está aberto o prazo ata o 30 de novembro para solicitar actividades de grao B para realizar no primeiro trimestre do 2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2026