A Xunta declara a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de San Bartolomeu de Berrande, no concello de Vilardevós

Dáse así un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que beneficia 257 propietarios e afecta a unha superficie total de 508 hectáreas

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023

A Consellería do Medio Rural vén de declarar a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de San Bartolomeu de Berrande, no concello ourensán de Vilardevós. Desta forma, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, xa que só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega dos títulos de propiedade. 

Este proceso afecta a unha superficie de 508 hectáreas distribuídas en 630 predios de substitución cunha superficie media por leira de 7.853 m², fronte aos 1.246 m² de superficie media das 3.492 parcelas iniciais. Esta mellora, que beneficia 257 propietarios, permítelles ás explotacións da zona reducir os seus custos de produción. 

Neste senso, cabe destacar que este tipo de proceso de reorganización do territorio é fundamental para paliar o minifundismo presente en Galicia, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, a finais do pasado ano decretouse unha nova zona de concentración parcelaria na parroquia de Soutochao, que afectará unha superficie de 621 hectáreas e beneficiará 714 propietarios.  

Cabe engadir que o impulso ás reestruturacións parcelarias é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina só este ano un orzamento total de 17 millóns de euros.

 

Data de actualización: 20/01/2023