A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, informou deste contrato que marca o inicio do vello obxectivo de abrir a cidade ao mar e suporá un investimento de 4,6 M€

A Xunta e o porto de Ferrol poñen en marcha a integración urbana dos peiraos coa licitación por máis de 1 M€ de dous aparcadoiros disuasorios que porán á disposición da cidade 141 novas prazas de aparcamento

Vázquez Mourelle fixa o obxectivo de que a principios do vindeiro ano estean en servizo as novas prazas de estacionamento nestas dúas infraestruturas estratéxicas: na parcela central da dársena de Curuxeiras e na chamada “parcela nº 8”

Avanza a previsión de licitar en marzo as actuacións para a integración urbana e a creación dun carril bici e senda peonil en toda a estrada baixa do porto, ademais da humanización e a prolongación do carril bici na dársena de Curuxeiras

Amosa o compromiso de avanzar con paso firme nesta importante iniciativa da Xunta e do Porto de Ferrol para fomentar a mobilidade sostible na fronte portuaria da cidade, á que a administración autonómica contribúe achegando 3,8 M€

Incide na reivindicación a prol da incorporación de Ferrol ao trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías, estimando prioritario e necesario o investimento na modernización da conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña

Considera que sería un erro histórico deixar fóra dese trazado a conexión con Ferrol, polo que a Xunta non deixará de reivindicar ese obxectivo ata que se acade, incide
 

Ferrol, 3 de febreiro de 2023.-

A Xunta e o Porto de Ferrol poñen en marcha a integración urbana dos peiraos coa licitación, hoxe, por máis de 1 M€, de dous aparcadoiros disuasorios que porán á disposición da cidade 141 novas prazas de aparcamento.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, e a delegada da Xunta, Martina Aneiros, explicou hoxe os avances para optimizar a zona de contacto entre o porto e a cidade, no marco do convenio de colaboración asinado por ambas as institucións.

 

Vázquez Mourelle informou do comezo da materialización do proxecto da mobilidade sostible na fachada marítima de Ferrol, coincidindo coa licitación, por parte da Autoridade Portuaria, destas dúas infraestruturas estratéxicas, ás que se destinará un investimento de máis de 1 M€ e que permitirán dotar a cidade de 141 novas prazas de estacionamento en total.

 

A conselleira subliñou que estes dous parkings, con fácil acceso ao centro urbano e próximos á rede viaria de altas prestacións, cumprirán con eficacia a súa función disuasoria, ao ser esta, ademais, unha zona con alta demanda de aparcadoiro.

 

Fixo fincapé en que con esta intervención non só se porán á disposición dos veciños e visitantes de Ferrol novos espazos de estacionamento, senón que, ademais, estas actuacións servirán para gañar novos espazos portuarios para o uso público.

 

Nese sentido, a conselleira puxo en valor a xenerosidade da Autoridade Portuaria na cesión de espazos e contribuír a facer cidade, facendo posible ese vello obxectivo de abrir Ferrol ao mar que, resaltou, empeza a facerse realidade.

 

Ethel Vázquez fixou o obxectivo de que a principios do vindeiro ano estean en servizo ambos os dous aparcadoiros, cun total de 141 novas prazas de estacionamento. As obras licitadas hoxe pola Autoridade Portuaria contan cun prazo de execución de 4 meses, no caso do aparcadoiro da área do norte -polo que comezarán os traballos-, e de 8 meses, para o disuasorio que se situará na parcela de Curuxeiras.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade concretou que na parcela central da dársena de Curuxeiras, ademais de crear novas prazas de aparcamento, as obras servirán para urbanizar todo o espazo, dotalo de arborado e, sobre todo, achegalo á cidade, para o que será preciso demoler naves de almacén e talleres, ás que se lles buscará un novo emprazamento.

 

Segundo indicou, do mesmo xeito, a chamada “parcela nº 8”, que os peiraos destinan a almacén á intemperie de materiais, transformarase noutro grande aparcadoiro disuasorio que levará aparellado a súa completa urbanización e humanización, tamén coa plantación de árbores.

 

Ethel Vázquez lembrou que esta é só a 1ª fase dun proxecto moito máis amplo e ambicioso, que inclúe a integración urbana e a creación dun carril bici e senda peonil en toda a estrada baixa do porto; e tamén, a humanización e a prolongación do carril bici na dársena de Curuxeiras. A conselleira avanzou que ambas as obras se prevén licitar en marzo.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade amosou o compromiso de avanzar con paso firme, nesta importante iniciativa da Xunta e do Porto de Ferrol para fomentar a mobilidade sostible na fronte portuaria da cidade, configurando un itinerario peonil e ciclista continuo desde a enseada da Malata ata os peiraos comerciais en Curuxeiras.

 

Puxo en valor o investimento que se destinará a estas actuacións, un total de 4,6 M€, dos que máis do 80%, 3,8 M€, serán achegados pola Xunta, no marco dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE destinados á transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

 

Modernización conexión ferroviaria e Corredor Atlántico

Ethel Vázquez aproveitou a presenza no porto de Ferrol para incidir na reivindicación pública da Xunta a prol da incorporación da cidade ao trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías, tras terse corrixido o erro histórico que deixaba ao noroeste peninsular fóra deste trazado, grazas a alianza de Galicia con Asturias e Castela e León. Referiuse ao cumio do Corredor Atlántico Noroeste, celebrado o pasado venres en Santiago, no que as tres comunidades demandaron un Plan director con investimentos que modernicen a rede ferroviaria.

 

Sinalou que Galicia ten claras as súas necesidades e as súas prioridades de investimento entre as que está a modernización da conexión ferroviaria de Ferrol-A Coruña.

 

A conselleira considerou que sería un erro histórico deixar fóra do trazado do Corredor a conexión con Ferrol, polo que a Xunta, dixo, non deixará de reivindicar ese obxectivo ata que se acade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023