A Xunta forma en liderado feminino e aposta pola mellora profesional das mulleres galegas a través do programa Impulsa

Trátase dunha actividade de cualificación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que terá lugar de xeito virtual entre o 27 de marzo e o 12 de maio cun total de 100 prazas

As inscricións xa se poden formalizar con data límite ata o 20 de marzo

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade abriu o prazo de inscrición no programa formativo de empoderamento e liderado feminino Impulsa. As mulleres interesadas en participar na actividade, que se desenvolverá de xeito virtual entre o 27 de marzo e o 12 de maio, poden inscribirse xa, ata o 20 de marzo, na seguinte ligazón: IMPULSA | Fundación Pública Galega da formación para o traballo (fungatra.gal).

A formación que se impartirá, dirixida a 100 mulleres, estará conformada por obradoiros, masterclass e sesións de networking e coaching individuais para apoiar a aquelas mulleres cunha cualificación media que teñan ganas de crecer, xerar cambios e empoderarse para seguir mellorando profesional e persoalmente.

Por medio desta iniciativa, a Xunta persegue incorporar ás participantes ao proceso de cambio e aprendizaxe en áreas persoais e profesionais, e brindarlles recursos e ferramentas para o seu crecemento profesional e persoal. A formación será impartida por Eliana Oliveros, especializada en procesos de cambio, xestión do talento, comunicación, liderado e transformación de equipos cunha traxectoria profesional de máis de 15 anos acompañando e formando a directivos, empresarios e comerciais de empresas nacionais e internacionais.

A organización distribuirá ás 100 participantes en grupos de 25 persoas para traballar de forma personalizada as dinámicas, actividades e tarefas.

Entre todas as asistentes ao programa sortearanse catro sesións individuais de coaching para o que será requisito indispensable ter asistido a todas as actividades do programa: obradoiros, masterclass e networkings.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2023