Conde destaca o esforzo de Aguas de Mondariz por marcar a diferenza e a súa contribución á expansión da marca Galicia Calidade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Baiona no acto de conmemoración do 150 aniversario desta marca que impulsou o desenvolvemento económico e social da contorna

Baiona (Pontevedra), 22 de marzo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Baiona no acto de conmemoración do 150 aniversario de Aguas de Mondariz, da que destacou o seu esforzo por marcar a diferenza e a súa contribución tanto á expansión da marca Galicia Calidade como ao desenvolvemento económico e social da contorna.

O vicepresidente económico puxo en valor o sector de augas minero medicinais en Galicia lembrando que este recurso fai posible que na Comunidade existan 21 balnearios que dan emprego a 1200 persoas e que facturan 60 M€; así como 10 plantas embotelladoras cunha facturación de 120 M€, 300 traballadores e presenza en máis de 50 países do mundo.

O vicepresidente económico subliñou a importancia deste sector que xera emprego e riqueza no rural – ao redor de onde se atopa o recurso- e felicitou a Aguas de Mondariz pola súa traxectoria e pola súa decidida aposta pola innovación, diferenciación, sustentabilidade e internacionalización, que contribuirán a que siga sendo unha marca de éxito e calidade. 

O Goberno galego está comprometido co sector a través de medidas como a lei de aproveitamento lúdico das augas termais e as axudas para acondicionar estes espazos; a Axenda da Minería Sustentable de Galicia 2030, que contempla medidas específicas para a promoción desta industria; ou os apoios para o fomento da sustentabilidade na actividade industrial do sector dos recursos naturais -dotada con 2,4 M€- e que conta cunha liña específica para apoiar a adquisición de equipamento de eficiencia enerxética, especialmente en empresas dedicadas ao envasado de augas minerais e balnearios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023