A Xunta convoca o XXIV Premio Elías Valiña, de recoñecemento a entidades e persoas a prol do Camiño de Santiago

O galardón, dotado con 15.000 euros, está dirixido a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que protexen a Ruta Xacobea

Os interesados en presentarse a esta convocatoria dispoñen de prazo ata o 23 de abril

Na pasada edición premiouse ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago Pulchra Leonina, de León, e Círculo Chileno, e a xornalista estadounidense Rebekah Scott

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia convoca a XXIV edición do Premio Elías Valiña, de recoñecemento de entidades e persoas a prol do Camiño de Santiago. O galardón, impulsado desde a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade, está dotado con 15.000 euros e diríxese a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan entre os seus fins a protección e fomento da Ruta Xacobea.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases desta convocatoria, cuxo prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o día 23 de abril e as solicitudes deberán ser remitidas a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Segundo recollen as bases, para optar ao galardón as entidades solicitantes deben ter unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento e acreditar o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores do Camiño de Santiago tanto dentro como fóra de Galicia. Deberán entregar nas súas solicitudes unha memoria xustificativa explicando o labor realizado neste campo. Tamén se inclúe a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial, sen dotación económica, a unha persoa física que teña contribuído coa súa traxectoria vital ao fomento dos valores do Camiño.

Criterios de valoración

O xurado, composto por membros da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por expertos en materia xacobea, entre outros, valorará as candidaturas en función de distintos criterios valorados cada un por un máximo de 25 puntos. O primeiro deles serán as intervencións encamiñadas á protección do patrimonio no que se terán en conta o número de actuacións e os lugares onde son realizadas. O segundo puntuará os traballos de investigación, documentación e fomento do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo para difundilo entre a cidadanía.

O terceiro criterio fai referencia ás accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo e coa organización de peregrinacións e outras actividades. O último deles, pola súa banda, valorará as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social, incluíndo labores de acollida e hospitalidade, accións educativas de especial significación, entre outras. 

Máis de 20 anos

Os Premios Elías Valiña cumpren este ano a súa vixésimo cuarta edición en recoñecemento a distintas entidades que traballan a favor do Camiño de Santiago. O ano pasado, os recoñecementos foron para as asociacións de amigos do Camiño de Santiago Pulchra Leonina, de León e Círculo Chileno. Ademais, Rebekah Scott, figura destacada entre os peregrinos de fala inglesa, recibiu unha mención especial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2023