A Xunta pon en valor o labor do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria respondeu hoxe unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento

José Luis Cabarcos referiuse ao futuro Banco de Xermoplasma que albergará o CIAM, para o que se vén de conceder a licenza de construción para comezar coas obras

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento para responder unha pregunta sobre o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Na súa intervención, o director destacou o labor levado a cabo polo CIAM e as súas unidades experimentais dependentes, das máis importantes dentro da estrutura da Axencia, segundo apuntou.

José Luis Cabarcos referiuse ao futuro Banco de Xermoplasma que albergará o CIAM, cuxos traballos de preparación comezaron no 2022 e para o que se vén de conceder a licenza de construción por parte do Concello de Abegondo. Así, a primeira fase do novo edificio e a dotación correspondente permitirá xa o desenvolvemento operativo das principais actividades vinculadas ao novo centro.

Unha vez finalizada esta primeira fase -sinalou José Luis Cabarcos- prevese unha segunda en posteriores anualidades que completará e complementará esta primeira con actuacións encamiñadas ao establecemento dun novo secadoiro de sementes e unha aula de interpretación e exposición intimamente ligadas á posta en valor do material de xermoplasma do banco e á capacidade de divulgación e transferencia.

Neste sentido, o director enmarca estas actuacións a prol da innovación e investigación agroforestal na necesidade de poñer este coñecemento ao servizo dos intereses do sector agroalimentario galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2023