Lorenzana reúnese coa Fundación Amigos de Galicia coa que colabora na cualificación de persoas desempregadas e na atención a mulleres vulnerables

Defendeu o reforzo da orientación laboral como clave para que colectivos prioritarios como mulleres, mozas e mozos e parados de longa duración melloren súas oportunidades

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza hoxe con representantes da Fundación Amigos de Galicia, para someter a repaso e actualizar a colaboración que a Administración autonómica mantén con esta entidade no eido da igualdade e a loita contra a violencia de xénero e para mellorar a empregabilidade de persoas vulnerables.

Lorenzana puxo en valor o papel que desenvolve a Fundación como entidade social, “consolidada e afincada en Galicia”, que traballa para mellorar as circunstancias das persoas en situación de risco de exclusión social e ás mulleres en situación de vulnerabilidade e/ou violencia de xénero, entre outros colectivos.

A entidade conta coa Axencia de colocación Emprega, autorizada pola Xunta, que ten como ámbito de actuación a comunidade e realiza accións puntuais noutros puntos de España e do estranxeiro.

A titular de Promoción do Emprego destacou a importancia da orientación laboral que entidades como Amigos de Galicia desenvolve como entidade colaboradora do sistema de emprego de Galicia para axudar a colectivos vulnerables na consecución da súa efectiva inserción laboral e que complementa o traballo que a Administración autonómica está a realizar cos seus propios recursos. Así, lembrou, a Xunta de Galicia creou este ano un servizo propio de orientación e prospección laboral, integrado por 136 profesionais que xa se incorporaron ás oficinas do servizo público de emprego para incidir na mellora das oportunidades de colectivos prioritarios como mulleres, mozas e mozos ou parados de longa duración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2023