Rueda anuncia que a Xunta somete a información pública o Anteproxecto de lei de recursos naturais

Subliña que o obxectivo é lograr “que os froitos do aproveitamento dos nosos recursos revertan en Galicia”

Asegura que grazas a esta normativa, Galicia vaise posicionar “coma un actor de primeira orde dentro da transición enerxética” que se está a vivir en nivel mundial

O vicepresidente primeiro indica que a Xunta busca que a comunidade sexa referente no aproveitamento de recursos naturais desde o punto de vista “da sustentabilidade” e do “retorno social”

O texto estará dispoñible para realizar achegas desde mañá, e por un prazo de 15 días hábiles -ata o 6 de xuño-, no portal de Transparencia da Xunta de Galicia

Entre as novidades normativas destaca a análise integral dos efectos dos proxectos que se queiran instalar en Galicia; a constitución dunha sociedade público-privada que poderá ser titular dos proxectos de aproveitamento dos recursos; e o establecemento dun canon vinculado á enerxía eólica mariña

Tamén se prevé un fondo da Xunta de Galicia para a recuperación de territorios afectados por incendios que contará con achegas de empresas
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello acordou na súa reunión desta mañá someter a información pública o anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. “O obxectivo é establecer unha serie de mecanismos para que os froitos do aproveitamento dos nosos recursos naturais revertan en Galicia”, indicou Rueda.

O presidente explicou que esta normativa vai incluír tanto proxectos de enerxías renovables como a eólica terrestre e mariña como “aqueles que fagan un uso intensivo da auga, as iniciativas mineiras ou as de biogás”.

Rueda subliñou que este texto legal ten “un enorme potencial” para “posicionar Galicia como un actor de primeira orde dentro da transición enerxética que se está a vivir a nivel mundial”.

Na mesma liña, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde indicou que o obxectivo é “facer de Galicia un referente no aproveitamento dos recursos naturais desde o punto de vista da sustentabilidade
-velando por que se lles asignen usos óptimos e con vocación de perdurar no tempo xa que os recursos son finitos- e do retorno social -poñendo esta inmensa riqueza ao servizo dos galegos-“. Conde fixo fincapé na importancia de velar pola protección do medio ambiente á vez que se “xera riqueza e se impulsa o progreso de toda Galicia, non só dos sectores implicados nestes proxectos”.

Tal e como adiantou, desde mañá venres 12 de maio, e durante 15 días hábiles -ata o 6 de xuño-, o texto legal someterase ao escrutinio dos cidadáns para recibir todas as achegas que poidan melloralo. Deste xeito, tras as reunións mantidas nas últimas semanas dentro da rolda de consultas que se iniciou a finais de marzo para coñecer a opinión de diferentes sectores profesionais e axentes e coa colaboración da sociedade Impulsa Galicia, o texto estará a disposición da cidadanía no portal web de transparencia.

A Lei consta dun título preliminar e sete títulos, ademais das disposicións adicionais e finais. No título preliminar acóutase o obxecto da norma e defínese o que se entende por beneficios sociais e económicos. En concreto faise referencia á mellora das condicións de vida das zonas ricas en recursos naturais, á protección do medio ambiente, á promoción de investimentos e mecanismos de reinvestimento dos beneficios, á creación de emprego, ao impulso da participación nos proxectos de investidores locais e administracións, ou á redución dos custos da enerxía e da dependencia enerxética dos consumidores.

O título primeiro regula os proxectos aos que se refire a Lei -os que fan un uso intensivo da auga, as iniciativas mineiras e os de produción de enerxía a partir de fontes renovables- e incorpora unha das principais novidades que inclúe esta nova regulación: unha análise integral de todos os efectos que produce a iniciativa en cuestión e as medidas que propón a promotora para compensalos. Así inclúense non só os efectos ambientais, senón tamén a participación de investidores locais, o emprego, o valor dos produtos ou servizos adquiridos no concello, comarca ou comunidade, a contratación de servizos de I+D+i con centros galegos, o reinvestimento dos beneficios en accións de interese xeral, a redución dos custos da enerxía ou a preservación dos bens naturais e culturais da zona.

No título segundo abórdase a participación pública nos proxectos e o seu financiamento. Contempla a posibilidade de que a Administración autonómica participe en instrumentos que garantan a sustentabilidade a curto, medio e longo prazo e regúlase a constitución dunha sociedade público-privada que poderá ser titular de proxectos de aproveitamento dos recursos. Unha sociedade na que se blindará a posición de control da Xunta para que só se participe en proxectos de interese público para Galicia.

O título terceiro céntrase no desenvolvemento futuro da enerxía eólica mariña e a creación dun canon para gravar as liñas eléctricas que conectarán os parques eólicos off-shore coas subestacións eléctricas correspondentes. O que se recade destinarase a labores de conservación e restauración do medio ambiente, fortalecer a sociedade de participación pública e darlle ao sector pesqueiro unha contraprestación.

O título cuarto incluirá outra novidade: a creación dun fondo da Xunta de Galicia para a recuperación de territorios afectados por incendios que contará con achegas de empresas.

O título quinto desenvolve normativamente os proxectos de autoconsumo nas áreas empresariais para dar estabilidade ao prezo da enerxía. O sexto regula a creación dun sistema voluntario de créditos de carbono e, finalmente, o título sétimo refírese á xestión de biorresiduos e materia orgánica cun alto potencial para converterse en biometano.

 
 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2023