A Xunta apoia a aposta que o sector da minaría está facendo pola innovación, a modernización tecnolóxica e a sustentabilidade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou nunha xornada informativa sobre a Axenda de impulso da minaría sustentable 2030

O sector mineiro é un dos considerados estratéxicos no marco da nova Lei de recursos naturais co obxectivo de favorecer o seu desenvolvemento
 

Ourense, 9 de xuño de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Ourense, xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, nunha xornada informativa sobre a Axenda de impulso da minaría sustentable 2030.

Na súa intervención, trasladou o apoio da Xunta a aposta que o sector da minaría está facendo pola innovación, a modernización tecnolóxica e a sustentabilidade. Un sector referente pois Galicia representa o 8,2% da produción mineira de España con 246,4 M€
e sitúase como a cuarta comunidade en valor de produción e empregos, ademais de líder nacional na produción de lousa, granito, cuarzo e rochas ornamentais.

Tal e como explicou Conde, a Axenda de impulso da minaría sustentable 2030 é unha folla de ruta que se adapta aos novos tempos e obxectivos do sector. Así, céntrase en impulsar a modernización e crecemento sustentable da minaría que vai actuar como provedor de minerais estratéxicos para a dixitalización; pero tamén na innovación tecnolóxica e o talento; así como en fomentar a integración ambiental da minaría, a economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro.

Segundo asegurou, a minaría ten un futuro prometedor vinculado á transformación do modelo enerxético e, por iso, preténdese facer deste sector un aliado para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega. Neste sentido, lembrou que o mineiro é un dos sectores estratéxicos incluídos na futura Lei de recursos naturais que se está tramitando, co obxectivo de aproveitar as oportunidades que poidan xurdir para o desenvolvemento de proxectos mineiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023