A Xunta destina 645.000 € á mellora de 70 bibliotecas, auditorios e arquivos de toda Galicia

A consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades resolve dúas liñas de axuda, unha para equipamento e mellora de instalacións culturais e outra para arquivos

Benefícianse medio cento de concellos e sete entidades sen ánimo de lucro

Entre as accións que se sufragan inclúese e dotación de novo equipamento, mellora de fondos documentais ou medidas de accesibilidade

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2023

A consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de resolver dúas convocatorias de axudas que contribúen á mellora de 70 equipamentos de uso cultural, entre bibliotecas, auditorios ou arquivos de máis de medio cento de concellos para o que a Xunta destina un investimento global de 645.000 euros.

No que se refire ás axudas para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais o investimento é de 500.000 euros e benefícianse un total de 41 concellos. Como se publica no DOG, ao abeiro desta subvención realízanse actuacións en distintas bibliotecas públicas municipais que inclúe novo equipamento e mobiliario e intervencións de accesibilidade- Tamén foron beneficiarios auditorios e centros e locais socioculturais.

No que se refire aos arquivos, a liña de axudas está dotada de 145.000 euros para a mellora dos fondos documentais e apoiar tarefas para garantir unha custodia responsable e facilitar o seu acceso por parte da cidadanía. En total, benefícianse 21 concellos e sete entidades sen ánimo de lucro: Benedictinas do Mosteiro de San Paio de Santiago, a Diocese de Lugo, Exponav, Fundación Penzol, Asociación Centro de Dinamización Rural e Sociocultural de Mouriscados, Fundación Luis Tilve e Adega.

A axudas enmárcanse no traballo da Xunta de Galicia por mellorar e impulsar as infraestruturas culturais galegas e garantir o acceso á cultura a todos os galegos na liña do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta para este ano que inclúe un eixo centrado na mellora de infraestruturas culturais. Ademais, mantense unha liña constante de apoio ás entidades e aos concellos galegos que se completa con iniciativas para que os municipios se doten dos medios necesarios para executar as súas programacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2023