O presidente da Xunta participou na entrega destes distintivos na Coruña

Rueda pon en valor a importancia de loitar pola igualdade de homes e mulleres desde todos os ámbitos coa entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán

Destaca que Galicia ocupa un lugar central na historia da loita pola igualdade con persoas pioneiras na defensa dos dereitos da muller como a escritora coruñesa

Aposta por seguir a senda dun feminismo amplo que estea presente en todas as facetas da vida

Resalta o papel de María Teresa Cortizas-Criado na formación sobre violencia de xénero no eido xudicial; o traballo da Fundación Secretariado Gitano na integración sociolaboral das mulleres deste colectivo e a visibilidade que dá a asociación Executivas de Galicia ás galegas que son referentes nas súas profesións

A Coruña, 19 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde a importancia de loitar pola igualdade efectiva de homes e mulleres desde todos os ámbitos da sociedade para continuar co legado de aqueles galegos e galegas que foron pioneiros na defensa dos dereitos das mulleres.

Durante a entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán na Coruña, na que estivo acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, o titular do Goberno galego sinalou que Galicia ocupa un lugar central na historia da loita pola igualdade.

Rueda puxo como exemplo deses galegos senlleiros a escritora que da nome a estes galardóns á que definiu como unha das fundadoras do feminismo. O presidente lembrou que o seu labor permitiu abrir moitas portas ás mulleres das seguintes xeracións e que Emilia Pardo Bazán foi pioneira ao lanzar unha colección literaria dedicada ao público feminino ou en definir os crimes contra a muller coma "mujericidios" ou "feminicidios".

Ademais, o presidente subliñou que Emilia Pardo Bazán entendía que a reivindicación feminina non era monopolio de ningunha ideoloxía en especial e apostaba por unha alianza de mulleres e homes en pos dun obxectivo compartido. Nesta liña, Rueda amosou o compromiso da Xunta en seguir a senda dun feminismo amplo e presente en todas as facetas da vida.

Galardoadas nesta edición

Rueda salientou que as premiadas desta quinta edición das Medallas Emilia Pardo Bazán amosan que a defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres está presente en ámbitos moi diferentes do día a día.

O presidente destacou o labor realizado pola xuíza e delegada de Igualdade da Sala do Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, María Teresa Cortizas-Criado, que se encarga da formación do persoal da xudicatura en materia de violencia de xénero e igualdade así como de impulsar a execución do Plan de Igualdade da Carreira Xudicial.

Rueda tamén salientou o traballo que desde hai décadas realiza a Fundación Secretariado Gitano para mellorar a integración sociolaboral das mulleres xitanas, fomentado a igualdade de oportunidades e loitando contra todo tipo de discriminación. Nesta liña, lembrou o Programa Calí no que a Xunta colabora con esta entidade.

Por último, agradeceu a Asociación Executivas de Galicia o seu labor diaria para dar visibilidade a aquelas galegas que son referentes hoxe en día na súa actividade profesional e servir de exemplo para as novas xeracións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023