A Xunta reforza a súa aposta pola campaña Come Local para promover os produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade nos comedores escolares

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e en colaboración coas consellerías de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a de Sanidade, impulsa esta iniciativa en comedores escolares de Galicia

Achegaranse aos centros escolares produtos galegos con certificado de calidade para que os nenos e nenas os poidan degustar, coa intención de poder incluílos nas súas cociñas

Levaranse a cabo accións formativas e de asesoramento, tanto co persoal dos comedores como cos estudantes
 

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2023

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e en colaboración coas consellerías de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a de Sanidade, promove a cuarta edición da campaña Come Local para promocionar nos comedores escolares de toda Galicia os produtos galegos de proximidade e con indicativo de calidade -denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas e ecolóxicos de proximidade-.

Dende a Axencia están levando a cabo visitas a algúns dos centros participantes nesta campaña, coa finalidade de comprobar cales son as súas dinámicas de xestión e as súas debilidades co fin de planificar de xeito preciso cal será a intervención máis axeitada para cada un dos comedores e así comezar a traballar.

Estes días, as visitas leváronse a cabo no CEIP ADR Castelao de Ordes, no CEIP Casás de Lugo, no CEIP Plurilingüe de Outes, na escola infantil de Vite en Santiago de Compostela e ao catering Barrigola, que sirve ao CPR Raiola santiagués, nos que se comprobou en primeira persoa a súa forma de traballo e as súas necesidades.

A través de Come Local, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria achegará aos comedores produtos galegos con certificado de calidade para que os nenos e nenas poidan degustalos e así comprobar a súa calidade con orixe en Galicia e cunha trazabilidade garantida, coa intención de que os proben para incorporalos nas cociñas poñéndoos en contacto con produtores da zona que o subministren.

Ademais, levaranse a cabo accións formativas e de asesoramento tanto cos estudantes, aos que se formará en educación alimentaria, especialmente sobre as froitas e verduras que Galicia ten en cada tempada. O persoal dos comedores recibirá diversas formacións e asesorías en materia de etiquetado alimentario ou seguridade alimentaria, entre outras.

Esta campaña está aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Organización das Nacións Unidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2023