A Xunta impulsa estadías formativas en Oxford para que persoal investigador e xestor de transferencia acelere proxectos de I+D+i con selo galego

Esta iniciativa enmárcase no Programa Ignicia, desenvolvido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación en colaboración coa Fundación Barrié

Os participantes reciben unha mentorización para os seus proxectos a cargo de Oxentia, empresa que naceu como división de Oxford University Innovation, a entidade de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia organiza por segundo ano consecutivo un programa formativo residencial que leva ao Reino Unido a cinco equipos formados por persoal investigador e xestor de transferencia dos centros de coñecemento galegos co obxectivo de acelerar, a través da mentorización, os proxectos nos que están a traballar en Galicia para que dean o salto do laboratorio ao mercado.

A mentorización corre a cargo de Oxentia, organismo que naceu como división de Oxford University Innovation, a entidade de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford. Os equipos galegos participan, do 6 ao 11 de novembro, en parellas formadas por unha persoa investigadora e una persoa xestora de transferencia que conta coa certificación internacional RTTP (Registered Technology Transfer Professional).

Cada equipo recibe sesións de mentoría co obxectivo de que sirvan para acelerar os proxectos de transferencia que están a desenvolver nas súas respectivas entidades, como poden ser un sistema para protección de avifauna baseado no uso de cámaras e técnicas de Intelixencia Artificial, un novo electrolito para baterías recargables de zinc-bromo, un recubrimento intelixente con propiedades radiantes e sensoras para crear superficies multifuncionais, un sistema para determinar a postura e o movemento da columna vertebral e un método para o curado de composites usando o quecemento interno a través do efecto Joule.

Os equipos que asisten ás estadías formativas en Oxford pertencen ás seguintes entidades do sistema galego de innovación: a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).

Estas estadías enmárcanse dentro do Programa Ignicia, promovido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación en colaboración coa Fundación Barrié, que ten como obxectivo transferir os resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos ao mercado.

Reunión con investigadores españois en Oxford

E no seo desta vista a Reino Unido, a Axencia Galega de Innovación e os participantes na estadía formativa do Programa Ignicia celebrarán un encontro cos investigadores e investigadoras da Sociedade de Científicos Españois no Reino Unido (CERU). O obxectivo desta sesión é dar a coñecer as características do ecosistema galego de I+D+i para o desenvolvemento dunha carreira investigadora, así como os apoios para atraer e reter talento investigador entre os que se encontran o Programa Oportunius e o Programa Ignicia, ademais doutras iniciativas da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023