Galicia pide á ministra de Sanidade un pleno específico para abordar o problema da falta de especialistas en medicina familiar e pediatría en atención primaria

García Comesaña solicitoulle á responsable da carteira sanitaria do Goberno central a convocatoria urxente dun Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde no que se analice de xeito monográfico o déficit de facultativos nestas especialidades

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023

No transcurso da xuntanza que mantivo, esta mañá, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), Galicia solicitoulle á nova ministra de Sanidade, Mónica García, un pleno específico co conxunto de responsables dos sistemas sanitarios autonómicos, para abordar o problema común de falla de médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria e Pediatría en Atención Primaria.

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, felicitou á nova ministra polo seu nomeamento, e pediulle expresamente a convocatoria urxente dun pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, de carácter monográfico, para abordar o problema.

Por outra banda, o conselleiro lembrou que o Ministerio de Sanidade aínda ten pendente de desenvolver o acordo do ano 2018, sobre a actualización dos criterios das unidades docentes de formación.

No que respecta aos puntos da orde do día, Galicia votou a favor do acordo de distribución de fondos ás comunidades autónomas para a obtención de plasma a través de plasmaférese, ao tempo que solicitou un tempo mínimo para valorar outras propostas que recibiu o martes ao mediodía, de maneira que a valoración quedou posposta para o vindeiro luns.

Data de actualización: 07/12/2023