O presidente da Xunta asistiu á gala de entrega da ‘XXII edición dos Premios + Deporte La Región’

Rueda salienta o deporte galego como exemplo de esforzo e superación

Resalta o momento de esplendor que está a vivir o deporte na comunidade ao superar por primeira vez as 300.000 licenzas deportivas

Subliña que medidas como o Bono Deporte favorecen que o deporte galego continúe sendo un modelo de eficacia e bo facer

Ourense, 13 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o papel do deporte galego como exemplo de esforzo e superación. Así o destacou durante a entrega dos XXII Premios + Deporte organizados por La Región en Ourense, onde puxo en valor que os deportistas galegos son un exemplo de esforzo e constancia.

Rueda agradeceu aos premiados e a todo o sector deportivo o gran traballo levado a cabo estes últimos anos para impulsar as prácticas deportivas en Galicia. Resaltou que o deporte é un tipo de linguaxe universal que ensina a lidar coa derrota e a celebrar as vitorias con humildade. Así, felicitou ao sector por impulsar as actividades deportivas en Galicia cada día.

Galicia, un exemplo de eficacia

Nesta liña, o presidente da Xunta salientou que o deporte galego está a vivir un momento de esplendor. Galicia é unha comunidade pioneira no pagamento do seguro de 6 a 16 anos para deportistas federados, independentemente da actividade deportiva. Tamén conta con 127 deportistas olímpicos que suman 185 participacións, así como 27 deportistas paralímpicos con 53 participacións.

O titular do Goberno galego asegurou que o deporte é unha prioridade. De feito, por vez primeira, Galicia superou as 300.000 licenzas deportivas. Un feito que se reforza grazas a medidas como o Bono Deporte, ao que a Xunta destina un orzamento total de 16,2 M€ co obxectivo de chegar a 135.000 rapaces e rapazas. As familias poderán descargar dito bono de 120 euros a partir do 8 de xaneiro.

Durante a súa intervención, Rueda fixo fincapé no apoio constante que a Xunta seguirá ofrecendo a este sector a través dos orzamentos para 2024 destinados á Secretaría Xeral do Deporte, que contará co seu maior orzamento da historia con 56 millóns de euros, unha subida do 28 %.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023