A Xunta destina 7,5 M€ a unha nova convocatoria de axudas que impulsará proxectos de gases renovables

Trátase da primeira vez que Galicia conta con apoios específicos para iniciativas consistentes na produción de hidróxeno de orixe renovable e de biogás e biometano

As axudas, de concorrencia competitiva, poden solicitarse por empresas e autónomos ata o 21 de febreiro e acadarán os 2,5 M€ como máximo, no caso do hidróxeno verde, e 2 M€ os de biogás e biometano

Enmarcadas na Axenda Enerxética de Galicia, contribuirán a seguir avanzando na transición enerxética e a loitar contra o cambio climático grazas á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación, vén de activar unha convocatoria de axudas destinada a impulsar proxectos integrais de gases renovables. Trátase da primeira vez que Galicia conta cunha convocatoria específica para esta tipoloxía de iniciativas enerxéticas que amosan un gran potencial -aínda sen desenvolver- e un importante carácter innovador.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, terá aberto o prazo de solicitudes ata o 21 de febreiro e conta cun orzamento de 7,5 M€ co obxectivo de mobilizar ao redor de 15 M€. As axudas están dirixidas a empresas e autónomos que queiran realizar proxectos consistentes na produción de hidróxeno de orixe renovable ou de biogás e biometano para o seu aproveitamento en centros de demanda situados en Galicia, co que se pretende favorecer o uso racional de enerxías renovables.

En concreto apoiaranse, no eido do hidróxeno renovable, todo o relacionado co electrolizador, o compresor, sistemas de almacenamento, conducións, depósitos, sistemas auxiliares e de control, adecuación ou compra de equipos consumidores a hidróxeno, pilas de combustible -sempre que a electricidade xerada se destine a autoconsumo-, sistemas de inxección do hidróxeno renovable á rede de gas -se existe un contrato de venda a un consumidor localizado en Galicia-, montaxe e posta en marcha dos sistemas, obra civil asociada, proxectos técnicos e legalización.

En canto ao biogás e biometano, as axudas inclúen sistemas para a obtención de biogás mediante dixestión anaerobia; sistemas de almacenamento e tratamento do biogás para a obtención de biometano; sistemas de pretratamento dos residuos; sistemas de compresión para o seu transporte e almacenamento; sistemas de abastecemento; instalacións de valorización para a produción eléctrica ou térmica; sistemas de inxección á rede de gas -se existe contrato de venda cun consumidor localizado en Galicia-; equipos que empreguen biogás e biometano como combustible; sistemas auxiliares e de control; obra civil asociada; instalación e posta en marcha; proxecto técnico e de legalización.

A axuda máxima por proxecto será de 2,5 M€, no caso de proxectos de hidróxeno renovable e de 2 M€ para os de biogás e biometano con intensidades de axudas entre o 45 e o 65%, dependendo do tamaño da empresa. Os proxectos deberán destinar unha parte do gas renovable ao autoconsumo enerxético.

Estas axudas enmárcanse nos obxectivos da Axenda Enerxética de Galicia, que contempla o desenvolvemento de proxectos de gases de orixe renovable e permitirá complementar as axudas que existen a nivel estatal -que só se dirixen a proxectos de maior tamaño-. A convocatoria contribúe a seguir avanzando na transición enerxética grazas a unha maior participación das fontes de enerxías renovables no sistema, así como a loitar contra o cambio climático coa redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/12/2023