Aberta a convocatoria da Xunta para impulsar proxectos centrados na dixitalización, a sustentabilidade e a loxística avanzada

Os obradoiros do Igape contan con 650.000 euros para promover espazos de colaboración co obxectivo de capacitar ás empresas na preparación de iniciativas que respondan aos principais retos da economía

Os apoios cobren o 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto, cun límite máximo de 75.000 euros por entidade beneficiaria

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024

A Consellería de Economía, Industria e Innovación informa da apertura da nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada que teñen como obxectivo crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía. Estes obradoiros, que acadan a súa sétima convocatoria, configúranse como espazos multidisciplinares que reforzan o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sustentable dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo. 

Cun orzamento de 650.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos hubs de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.   

O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.

Os apoios concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 75.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 2 de febreiro.

Data de actualización: 03/01/2024