O presidente da Xunta interveu no acto de clausura do V Encontro da Mocidade Gandeira

Rueda destaca o papel da mocidade á hora de avanzar na modernización das explotacións gandeiras e manter a calidade dos produtos galegos

Salienta a importancia de garantir a remuda xeracional no agro e que mozos e mozas aposten por emprender e desenvolver o seu proxecto vital no rural

Resalta que o agro galego conta con “produtos de primeira calidade” que cómpre seguir promovendo

Galicia é a principal produtora de leite de España e a terceira comunidade en produción de carne de vacún
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel da mocidade galega á hora de avanzar na modernización das explotacións gandeiras, manter a excelencia dos produtos do agro galego e garantir a remuda xeracional neste eido. “Sodes a garantía de que imos poder seguir modernizando Galicia, de que hai recambio”, indicou aos gandeiros presentes durante a clausura do V Encontro da Mocidade Gandeira, na que estivo acompañado polo conselleiro do Medio rural, José González.

A gandaría é un dos principais motores da economía no rural galego e orixe, tal e como subliñou Rueda, de moitos dos produtos que levan o selo Galicia calidade por todo o mundo. Galicia é a principal produtora de leite de España -está entre as dez primeiras de toda Europa- e a terceira comunidade na produción de carne de vacún. Nesta liña, o  presidente salientou que o agro galego ofrece “produtos de primeira calidade” que cómpre seguir mantendo no futuro.

Durante a xornada, organizada polo Clube de Xóvenes Gandeiros e que se retoma tras a pandemia, o presidente agradeceu á mocidade a súa aposta por emprender en Galicia e desenvolver o seu proxecto de vida no rural. “Hai cousas que mellorar, pero tamén moito do que sentirnos orgulloso, de cousas que se levan facendo ben desde hai moitos anos”, indicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024