A Xunta convoca unha nova liña de axudas que apoia conxuntamente proxectos de I+D+i e investimento produtivo

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora do Igape, Covadonga Toca, informaron hoxe da convocatoria conxunta Misións RIS3, que busca mobilizar capacidades empresariais, de coñecemento e tecnolóxicas de diferentes ámbitos e sectores

O obxectivo é dar resposta aos retos identificados na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 21-27

Os proxectos de I+D, innovación e investimento produtivo deben contribuír ás Misións, metas concretas e acadables, identificadas a través dun proceso participativo no que se recibiron máis de 500 achegas

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024

A Axencia Galega de Innovación acolleu esta mañá unha xornada de presentación da nova liña de axudas Misións RIS3, coincidindo coa publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). Na xornada informativa, na que interviñeron a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora do Igape, Covadonga Toca, presentáronse as características desta nova liña de apoios conxunta de Gain e Igape, resolvéronse as dúbidas, expuxéronse dous casos de éxito de innovación en colaboración e puxéronse a disposición dos asistentes varios espazos para favorecer o networking.

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou que, a través desta convocatoria dotada con 15 millóns de euros, perséguese apoiar por primeira vez proxectos que xuntan I+D, innovación e investimento produtivo transformadores e de impacto que contribúan ás misións de especialización intelixente. Estas misións, que constitúen un elemento novidoso da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 21-27 (RIS3), son metas concretas e alcanzables nun prazo de tempo determinado. Para identificar as misións que se persegue acadar a través destes grandes proxectos realizouse un proceso participativo no que se recibiron máis de 500 achegas. Financiarase, polo menos, un proxecto por misión.

Pola súa banda, Covadonga Toca apuntou que desde o Igape se financiará o investimento produtivo destas misións, completando un “círculo virtuoso” que permitirá chegar da innovación ao mercado. Neste contexto, refórzase a política de fomento do financiamento da innovación pondo en relación o acceso aos recursos financeiros para innovar e a dimensión da empresa; facilitando o financiamento da innovación empresarial para as empresas galegas; e recollendo unhas medidas cuxa posta en marcha garante o éxito dos proxectos, consolidando as fortalezas do financiamento como elemento impulsor da innovación en Galicia.

Características dos proxectos

Os proxectos que se apoiarán teñen que ser en cooperación a través de consorcios formados por polo menos 3 empresas (1 tractora e 2 pemes) e calquera outro tipo de beneficiarios: centros tecnolóxicos e de apoio á innovación; universidades, organismos e centros públicos de investigación; institucións sanitarias que desenvolvan actividades de I+D+i; entidades sen ánimo de lucro relacionadas coa I+D+i e agrupacións ou asociacións empresariais que realicen actuacións de I+D+i.

O orzamento mínimo dos proxectos debe ser de 600.000 euros e o máximo de 5 millóns de euros, cunha intensidade da axuda que pode acadar o 60% en función do tamaño da empresa e do tipo de actividades a desenvolver (investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación ou investimento produtivo). A duración dos proxectos debe ser de entre 2 e 3 anos e medio.

As tres misións identificadas, ás que deben responder estes proxectos, son: contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático do sector primario en Galicia a partir da redución da súa pegada nun 10% en 2030 mediante a circularidade e a simbiose entre actuacións, así como a rexeneración dos ecosistemas; contribuír á redución do 57% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto a 1990 para 2030 incrementando a reutilización das materias primas, produtos e materiais xa presentes no ciclo produtivo; e contribuír a incrementar os anos de vida saudable de 84 a 88 para 2030 mediante a redución de enfermidades ou problemas de enfermidades non transmisibles e a mellora da calidade de vida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2024