A Xunta salienta o impulso ao emprego xuvenil para construír a Galicia do futuro cun mercado de traballo aberto, accesible e sen fronteiras

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na apertura da Feira de Emprego InCampus da Universidade de Vigo

Referiuse aos programas que ten en marcha a Administración autonómica destinados a mellorar a empregabilidade da mocidade en diferentes eidos como os da investigación, a tecnoloxía e a innovación

Referiuse á colaboración que a Xunta mantén coa Universidade de Vigo en materia de emprendemento para difundir o espírito empresarial entre a comunidade educativa

Puxo en valor o traballo do espazo Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal con máis de 25 anos de traxectoria para favorecer o emprego entre as dúas rexións

Vigo, 27 de febreiro de 2024

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na apertura da Feira de Emprego InCampus da Universidade de Vigo que permite coñecer os perfís profesionais que están a demandar máis dun cento de entidades de diversos sectores e, ás persoas interesadas, contactar directamente cos responsables dos procesos de selección.

Ardao agradeceu á Universidade de Vigo e ás entidades que colaboran coa organización desta iniciativa o traballo que realizan para poder brindar este espazo á mocidade para mellorar o seu CV e coñecer de primeira man o que buscan as empresas.

“Na Xunta compartimos coa Universidade a importancia que ten acercar a mocidade ás empresas e as empresas á mocidade para casar oferta con demanda do mellor xeito posible”, indicou Ardao, ao tempo que puxo en valor a colaboración que o Goberno galego mantén coa Universidade viguesa en diferentes eidos, destacando o do emprendemento para promover o espírito empresarial na comunidade universitaria.

A directora xeral, ademais, sinalou a importancia de apoiar á mocidade galega da que asegurou que ten moito talento “que temos que ser capaces de aproveitar”. Así, indicou os programas que en materia de emprego xuvenil ten en marcha a Administración autonómica como son, entre outros, a terceira edición do programa Investigo con 4,8 millóns de euros para fomentar o emprego xuvenil no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación dos menores de 30 anos sen emprego.

Referiuse tamén ao programa Galicia Emprega, con 17,5 millóns de euros, para incentivar a contratación das persoas desempregadas nas empresas galegas, cunha liña específica para os máis novos con apoios base de 6.000 euros. Así mesmo, salientou os incentivos para a contratación de mozas e mozos en prácticas ou formación (Talento 30) facilitando un período de prácticas acompañadas dun proceso de formación para o emprego e afirmou que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego ou a fórmula da economía social están concibidos tamén para atraer á xuventude.

Galicia-Norte de Portugal

Ardao na súa intervención tamén tivo palabras de agradecemento á Rede Eures Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, tamén presente na Feira, que con máis de 25 anos de traxectoria, traballa por un mercado laboral aberto, accesible e sen fronteiras.

Este espazo, en concreto, ofrece diversos servizos para favorecer a inserción laboral entre as dúas rexións e brindar atención personalizada a través das oficinas de emprego.

Para rematar, afirmou que as novas xeracións son o futuro de Galicia e, por iso, engadiu que a Administración galega seguirá a dotalas das oportunidades que precisan, un esforzo que dixo é compartido coas institucións educativas e formativas e as empresas e agrupacións empresariais.

“Continuemos traballando para construír unha Galicia próspera e chea de oportunidades para todos: a Galicia do futuro”, rematou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2024