A Xunta publica no DOG o acordo de aprobación do proxecto de construción do treito que culmina a autovía Santiago-A Estrada, entre Pontevea e O Rollo, cun investimento de máis de 32,3 M€

A actuación suporá un investimento de 32,3M€ e desenvolverá o segundo treito da prolongación da AG-59 desde o enlace coa AC-241, actualmente en execución entre A Ramallosa e Pontevea, ata o enlace coa PO-841

O novo treito desta autovía libre de peaxe disporá de 2 enlaces que permitirán os catro movementos, tanto cara a Santiago como á Estrada, sendo un deles resultado da reforma do existente na Ramallosa, e o outro de nova execución sobre a AC-241, en Pontevea

A Xunta prevé convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no primeiro trimestre do 2025 para licitar as obras o vindeiro ano, cun prazo de execución de 36 meses

A Xunta avanza ao tempo nas obras do treito de 3,5 quilómetros da prolongación da AG-59, iniciadas a finais de outubro de 2023 e nas que está a investirse máis de 33M€

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2024

A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través de Axencia Galega de Infraestruturas, vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo da aprobación do proxecto de construción do segundo treito de prolongación da autovía libre de peaxe Santiago-A Estrada, entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841). Esta actuación, á que a Administración autonómica destinará un investimento de 32,3M€, culminará a autovía AG-59.

Este proxecto autorizado na reunión do Consello da Xunta do pasado día 25 de novembro,  prolongará a AG-59 desde o enlace coa AC-241 - que está actualmente en execución entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo-; ata o enlace coa estrada PO-841, no Rollo, xa no concello da Estrada.

En concreto, este novo treito entre Pontevea e O Rollo disporá de dous enlaces que permitirán os catro movementos, tanto cara o Norte (Santiago de Compostela), como cara o Sur (A Estrada). Un deles, resultado da reforma do existente na Ramallosa, e o outro, de nova execución sobre a AC-241, en Pontevea.

A Xunta prevé convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no primeiro trimestre do 2025 para licitar as obras no vindeiro ano, cun prazo de execución de 36 meses.

Así, a administración autonómica ao tempo que avanza nas obras do treito de 3,5 quilómetros da prolongación da AG-59, iniciadas a finais de outubro de 2023 e nas que está a investirse máis de 33M€, impulsará este novo treito de 4 quilómetros de lonxitude.

Unha vez rematada os 7,5 quilómetros da prolongación do actual tramo da AG-59, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada se reducirán a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67 millóns de euros.

O obxectivo do Goberno galego con estas actuacións é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes. A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.

Documentos relacionados

Data de actualización: 05/12/2024