As axudas da Xunta para proxectos e actuacións que contribúan a mellorar a xestión dos residuos municipais poderán solicitarse a partir de mañá

Dotadas cun orzamento global de 15 M€, o ‘Diario Oficial de Galicia’ publica dúas ordes de subvencións para iniciativas impulsadas por entidades locais galegas e unha terceira liña dirixida a pemes, asociacións e fundacións sen ánimo de lucro

As administracións locais poderán recibir ata 300.000 € para comprar un camión adaptado á recollida de biorresiduos e unirse a concellos da contorna se queren optar a achegas de ata 200.000 € para facer melloras en puntos limpos fixos

Convócanse tamén subvencións por 3,2 M€ para construír ou ampliar instalacións privadas de preparación para a reutilización e para valorizar determinadas fraccións

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

A Xunta convocou hoxe tres ordes de axudas para apoiar a entidades locais, pequenas e medianas empresas e asociacións de carácter social na execución de proxectos e medidas que contribúan a optimizar a xestión dos residuos de competencia municipal, avanzando deste xeito cara a un modelo de economía circular a nivel local e na loita contra o cambio climático.

Cun orzamento global de 15 millóns de euros, os concellos e entidades privadas interesados poderán solicitalas a partir de mañá, salvo no caso da orde de axudas dirixida a apoiar actuacións municipais para a implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cuxo prazo se abrirá o 9 de xaneiro.

Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a primeira das liñas de incentivos para entidades locais está dotada con 9,2 millóns de euros e prevé catro tipos de actuacións subvencionables. Dúas delas pretenden, por un lado, axudar aos concellos a implantar a través do contedor marrón a recollida separada dos chamados biorresiduos (é dicir, a fracción orgánica do lixo doméstico) e, por outro, apoialos no impulso dunha correcta xestión destes refugallos con proxectos de compostaxe doméstica ou comunitaria.

En ambos casos o importe da subvención varía en función da poboación pero se o beneficiario solicita a axuda para comprar un camión adaptado para biorresiduos, a contía máxima da achega será de 300.000 euros por vehículo.

Con cargo a esta orde tamén se subvencionará a recollida selectiva das outras dúas fraccións do lixo doméstico sobre as que a Unión Europea ten posto o seu foco nos últimos anos: o aceite de cociña usado e os residuos téxtiles. A contía máxima da achega, en ambos casos, será de 5.000 euros se é unha solicitude individual e dun máximo de 80.000 euros se detrás do proxecto presentado hai máis dunha entidade municipal.

Neste sentido, cómpre lembrar que a directiva europea establece como obrigatoria a recollida selectiva do residuo téxtil a partir do 1 de xaneiro de 2025, exixencia que unida ao crecemento progresivo experimentado por esta fracción nos últimos anos fai moi interesante calquera proxecto relacionado coa súa separación, reutilización e reciclaxe.

Puntos limpos fixos, de proximidade ou móbiles

A segunda orde de subvencións para concellos publicada hoxe, cun orzamento de 2,6 millóns, ten como fin apoiar iniciativas para garantir unha correcta xestión dos residuos domésticos especiais que quedan fóra da recollida domiciliaria e non se poden depositar en contedores específicos. Dividida tamén en catro liñas de actuación, as tres primeiras teñen que ver coa mellora ou a posta en marcha de diferentes tipos de puntos limpos.

En concreto, as entidades locais que fagan obras para optimizar ou ampliar un punto limpo fixo existente poderán solicitar achegas de ata 150.000 euros se a solicitude é a título individual, ou de 200.000 euros cando a instalación dea servizo a varios municipios.

No caso de acollerse á liña para a adquisición dos chamados puntos limpos de proximidade (instalacións de menor tamaño pero que cumpren coa mesma función), os concellos optarán a axudas de 15.000 euros e as agrupacións municipais a un máximo de 35.000 euros; e para as entidades interesadas en mercar conxuntamente un punto limpo móbil a Xunta ofrecerá ata 120.000 euros.

En canto aos apoios para a construción de instalacións municipais destinadas á preparación para a reutilización ou á autorreparación de residuos eléctricos e electrónicos, téxtiles e outros refugallos recollidos separadamente, o importe máximo é de 150.000 euros para concellos en solitario e de 200.000 euros se hai máis solicitantes.

Incentivos para empresas e entidades sociais

Ademais de colaborar cos concellos no obxectivo de acadar unha xestión eficiente e sostible dos residuos, a Xunta tamén destina 3,2 millóns de euros a apoiar a pequenas e medianas empresas, asociacións e fundacións galegas en proxectos para dotar dunha nova vida certos refugallos municipais recollidos de forma separada.

Grazas á terceira orde de axudas publicada hoxe no DOG financiaranse as instalacións de preparación para a reutilización de RAEE e residuos téxtiles, entre outros, con achegas de ata 200.000 euros, e cubrirase, como máximo, a metade dos gastos construtivos de novas instalacións privadas para a valorización de materiais téxtiles, cun límite de 800.000 euros por proxecto.

Data de actualización: 30/12/2024