A Xunta destina máis de 35.600 € a dúas bolsas de formación en asuntos comunitarios na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

Están dirixidas a persoas tituladas en Dereito e terán unha duración de 11 meses

As solicitudes deberán presentarse no prazo máximo dun mes, contado a partir de mañá, a través da sede electrónica da Xunta

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da Fundación Galicia Europa (FGE) de dúas bolsas de formación dirixidas a persoas con título universitario oficial de grao ou equivalente en Dereito, co obxectivo de facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios na oficina da fundación en Bruxelas.

O importe total das dúas bolsas ascende a máis de 35.600 euros. O programa formativo terá unha duración máxima de 11 meses e prevese a incorporación das persoas bolseiras en setembro deste ano. As solicitudes deberán presentarse no prazo máximo dun mes, contado a partir de mañá, a través da sede electrónica da Xunta.

A Fundación Galicia Europa centra un dos seus ámbitos de actuación en impulsar o coñecemento das políticas e accións da Unión Europea. A este obxectivo contribúe precisamente o programa anual de bolsas para a realización de prácticas nas súas oficinas, que permite ás persoas beneficiarias familiarizarse cos asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

Nesta liña, estas bolsas promoven a mobilidade e o acceso ao mercado laboral da mocidade galega, alén de darlle a oportunidade de traballar nunha contorna europea e multicultural. O programa permite, tamén, contar cunha rede de profesionais en asuntos europeos en multitude de institucións europeas e galegas.

Así, neste mesmo marco de acción, no ano 2025 convocouse unha bolsa para realización de prácticas en comunicación das políticas comunitarias, cun orzamento de case 17.800 euros.

Data de actualización: 03/06/2026