O presidente Alfonso Rueda reuniuse co alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores
A Xunta anuncia actuacións fundamentais para configurar unha Pontevedra con mellores servizos, máis verde e con máis oportunidades
Rueda adianta a posta en marcha dun ambicioso proxecto para recuperar o Pazo de Lourizán e a súa contorna, vencellado co arquitecto David Chipperfield para convertelo nun referente do sector forestal e darlle un uso turístico
Sitúa o Hospital Gran Montecelo como a “xoia da coroa” da actual lexislatura e compromete que estarán rematadas as obras a finais de 2023 ou principios de 2024
Salienta o investimento importante na reforma do Instituto Valle Inclán por valor de 4,7 M€
Garante o apoio da Xunta á mellorar urbanística e medioambientalmente o centro de Pontevedra coas actuacións de destape do Río Gafos
Pon en valor os traballos na reforma integral da estrada a Marín (PO-546) para convertela nun eixe de mobilidade sustentable cun investimento de 9 M€
Anuncia a colaboración da Xunta na reforma do Convento de Santa Clara, unha vez se coñeza a actuación “en detalle” e que aínda está por definir
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu hoxe co alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, actuacións e investimentos “fundamentais” do Goberno galego para configurar unha Pontevedra con mellores servizos, máis verde e con máis oportunidades.
Pazo de Lourizán, vencellado co forestal e uso turístico
Entre as “actuacións fundamentais” que vai acometer a Xunta en Pontevedra, Rueda anunciou a posta en marcha dun proxecto ambicioso para recuperar o espazo emblemático do Pazo de Lourizán. Así, avanzou que no 2023 se convocará un concurso de ideas en colaboración con Fundación RIA, ligada ao arquitecto David Chipperfield.
Hospital Gran Montecelo
Precisamente da actual lexislatura, Rueda enxalzou o Hospital Gran Montecelo como “xoia da coroa” e garantiu o compromiso de que a obra quede rematada “a finais de 2023 ou principios de 2024” para atender as necesidades asistencias dos próximos 50 anos dunha poboación de 26 concellos e máis de 300.000 habitantes e que contará con 120 camas, 53 consultas e 3 quirófanos máis. “Suporá, en definitiva, un antes e un despois na sanidade pública de Pontevedra”, aseverou.
Reforma da estrada de Marín
En materia de mobilidade, Rueda lembrou que a Xunta tamén está a traballar na reforma integral da estrada a Marín (PO-546) para convertela nun eixe de mobilidade sustentable, e na que apuntou a posibilidade de incorporar un carril bici.
Reforma do Instituto Valle Inclán
Rueda tamén abordou co alcalde o investimento de 4,7 millóns de euros na reforma do Instituto Valle Inclán, a máis importante que acometerá a Consellería de Educación en 2023. Ao respecto, o proxecto licitarase en poucas semanas co obxecto de que as obras comecen no primeiro trimestre do ano que vén.
Traslado Punto de Encontro Familiar
Tras a reunión, Rueda tamén anunciou que se vai trasladar o Punto de Encontro Familiar da súa actual localización, na rúa Avenida de Vigo, a un local adscrito á Consellería de Política Social na rúa Cruz Vermella.
Reforma do convento de Santa Clara
No encontro co rexedor tamén se abordaron proxectos pendentes, entre os que Rueda destacou a reforma do convento de Santa Clara. Ao respecto, garantiu o compromiso da Xunta en participar, unha vez que o Concello de Pontevedra lle comunicou que a intención é que forme parte do complexo actual do Museo de Pontevedra.