A Xunta adxudica dez bolsas de formación para a investigación en humanidades no Centro Ramón Piñeiro

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se conceden estas axudas

O obxectivo é fomentar a formación e capacitación das persoas universitarias, promovendo o ensino e a investigación en galego

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia a resolución de adxudicación de 10 bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, unhas axudas formativas nas que o Goberno galego inviste 237.600€ e coas que busca cada ano fomentar a formación e capacitación das persoas con titulación universitaria, promovendo ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega.

 

En concreto, os proxectos nos que participarán as persoas adxudicatarias das bolsas son Bibliografía da Literatura galega, Fraseoloxía galega, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Cantigas de santa María, Terminoloxía científico-técnica, Recursos para o desenvolvemento de tecnoloxías da fala, Base de datos do ALIR e Dicionarios de Literatura. A data estimada de comezo da formación será o 1 de decembro de 2022 e rematará o 30 de novembro de 2024.

 

O Centro Ramón Piñeiro, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, como institución de referencia en estudos de fundamentación e investigación filolóxicos, literarios e antropolóxicos, está a potenciar o prestixio crecente da lingua galega entre as linguas románicas, fomentando liñas estruturais que favorecen os traballos de investigación nos campos sinalados, baixo esquemas baseados na dixitalización das Humanidades.

 

Dixitalización do coñecemento

Actualmente, a súa orientación de traballo -arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval ou a identidade colectiva, entre outras- céntrase, ademais, na dixitalización do coñecemento. Desta forma búscase facilitar o acceso en liña dos resultados acadados nas súas investigacións, co propósito de ofrecer recursos dixitais e ferramentas que permitan a súa compartición e reutilización. O obxectivo final é contribuír ao acceso igualitario do coñecemento de xeito que redunde nun beneficio común a prol do interese público.