O presidente da Xunta visitou as instalacións de Agroamb para coñecer, de primeira man, o proxecto de desenvolvemento dun polígono agroambiental en Castro de Rei
Rueda destaca os proxectos estratéxicos que combinan innovación e sustentabilidade coa posta en valor dos piares tradicionais da economía galega
Garante o apoio da Xunta a empresas como a planta de biometano de Agroamb, declarada Iniciativa Empresarial Prioritaria
Recorda que o Goberno galego aposta pola descarbonización da economía con proxectos que forman parte da Axenda Enerxética 2030 con preto de 17.000 M€ de investimento público-privado
Na procura dunha xestión sustentable e eficiente das dexeccións gandeiras, subliña que Galicia dará un paso máis coa posta en marcha dunha lei para regular os residuos agrarios e con achegas para o impulso da economía circular
Castro de Rei (Lugo), 18 de novembro de 2022 O presidente da Xunta destacou hoxe os proxectos estratéxicos que combinan innovación e sustentabilidade coa posta en valor dos piares tradicionais da economía galega. Alfonso Rueda resaltou este apoio do Goberno galego á iniciativa privada respectuosa co medio ambiente na visita que fixo ás instalacións de Agroamb para coñecer de primeira man o proxecto de desenvolvemento dun polígono agroambiental.
Alfonso Rueda botou man da memoria para loar a figura de Severiano Ónega, fundador dunha empresa que agora continúa nas mans dos seus herdeiros e que hai máis de dúas décadas comezou a comercialización de fertilizantes a partir dos residuos orgánicos das granxas. Hoxe, Agroamb é unha compañía punteira que quere dar un paso máis no eido da economía circular coa creación dun polígono agroambiental da man de Enagás Renovables e Genia Bioenergy. “Son grandes empresas que están unindo as súas forzas e estamos convencidos de que o resultado vai ser moi bo”, indicou o presidente da Xunta, quen animou tamén a aproveitar “o gran potencial” que Galicia ten na industria agraria.
Alfonso Rueda fixo fincapé no apoio que Agroamb tivo sempre da Administración autonómica e confirmou ese compromiso resaltando que a planta de biometano, que é o primeiro piar do proxecto agraombiental, conta xa coa declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria por parte do Consello da Xunta. “En Galicia temos moitas posibilidades coas enerxías renovables e os primeiros que o fagan irán con vantaxe”, subliñou.
Incidiu, ademais, na aposta do Goberno galego pola descarbonización da economía promovendo proxectos como o de Agroamb ou impulsando a posta en marcha de iniciativas estratéxicas que forman parte da Axenda Enerxética 2030, con case 17.000 millóns de euros en investimento público-privado e que persegue o obxectivo de converter Galicia nun territorio neutro de carbono no ano 2050, ademais de facer da Comunidade un polo enerxético innovador e consolidar unha industria eficiente e sustentable en termos climáticos. “Creo que estamos acertando coa nosa aposta por estes proxectos”, dixo Rueda.
O agro como exemplo