GALICIA LITORAL

Marco legal e conceptos básicos

Marco legal

Normativa autonómica

Normativa estatal

Conceptos básicos

Cales son os ámbitos legais de xestión do litoral?

Dominio público marítimo terrestre (DPMT)
O dominio público marítimo terrestre (DPMT) é un concepto legal que se refire á zona de dominio público estatal que inclúe a zona marítimo-terrestre, as praias, as augas interiores, o mar territorial e os recursos naturais da zona económica e a plataforma continental.

Polo tanto, comprende:

  • A ribeira do mar e das rías, que inclúe:
    • A zona marítimo-terrestre ou espazo comprendido entre a liña de baixamar escorada ou máxima viva equinoccial, e o límite ata onde alcancen as ondas nos maiores temporais coñecidos, de acordo cos criterios técnicos que se establezan regulamentariamente, ou cando o supere, o da liña de preamar máxima viva equinoccial. Esta zona esténdese tamén polas marxes dos ríos ata o sitio onde se faga sensible o efecto das mareas.

      Considéranse incluídas nesta zona as marismas, albufeiras, marjales, esteiros e, en xeral, as partes dos terreos baixos que se asolagan como consecuencia do fluxo e refluxo das mareas, das ondas ou da filtración da auga do mar.

      Con todo, non pasarán a formar parte do dominio público marítimo-terrestre aqueles terreos que sexan asolagados artificial e controladamente, como consecuencia de obras ou instalacións realizadas para o efecto, sempre que antes da inundación non fosen de dominio público.

    • As praias ou zonas de depósito de materiais soltos, tales como areas, gravas e seixos, incluíndo escarpes, bermas e dunas, estas últimas incluiranse ata o límite que resulte necesario para garantir a estabilidade da praia e a defensa da costa.
  • O mar territorial e as augas interiores, co seu leito e subsolo, definidos e regulados pola súa lexislación específica.
  • Os recursos naturais da zona económica e a plataforma continental, definidos e regulados pola súa lexislación específica.

Servidume de tránsito
É unha franxa de terreo de 6 m, medidos terra dentro a partir do límite interior da ribeira do mar. É ampliable a 20 m en lugares de tránsito difícil ou perigoso.

Esta zona debe quedar permanentemente libre ao acceso e tránsito público peonil e de vehículos de vixilancia ou salvamento.

Servidume de protección
A zona de servidume de protección é aquela franxa de terreos de propiedade privada lindeira co dominio público marítimo-terrestre, que está suxeita a determinadas limitacións que contén a Lei de Costas co fin de protexer o DPMT.

Ten unha anchura de 100 m, ampliable a 200 m, que se estende ao longo de toda a costa e mídese terra a dentro a partir do límite interior da ribeira do mar. Tamén, poderá reducirse a 20 metros nas marxes dos ríos ata onde sexan sensibles as mareas, sempre conforme ao que se dispoña regulamentariamente.

Nos terreos clasificados como solo urbano á entrada en vigor da Lei 38/1988, do 20 de xullo, de Costas, a anchura da servidume de protección será de 20 metros.

Servidume de acceso ao mar
Recae sobre os terreos lindeiros ou contiguos ao Dominio Público Marítimo Terrestre, na lonxitude e anchura necesarias para asegurar o acceso e uso público daquel. Nas zonas urbanas e urbanizables, os accesos de tráfico rodado deberán estar separados entre si, como máximo 500 m, e os peonís 200 m. Todos os accesos deberán estar sinalizados e abertos ao uso público.

Zona de influencia
Determinarase nos instrumentos correspondentes e abarca como mínimo 500 m a partir do límite interior da ribeira do mar. Establécense unhas esixencias para a protección do Dominio Público, en tramos con praias e accesos de tráfico rodado preveranse reservas de solo para aparcamentos, garantindo así o estacionamento fóra da zona de servidume de tránsito. De igual modo nesta zona, as construcións haberán de adaptarse ao establecido na lexislación urbanística, evitarase a formación de pantallas arquitectónicas ou acumulación de volumes.

Servizos de tempada - Novo!

Preguntas frecuentes

Que é o deslinde?

O deslindamento é o procedemento administrativo que permite identificar e delimitar os bens que pertencen ao dominio público marítimo-terrestre. Este procedemento consiste en identificar que terreos reúnen as características, físicas ou xurídicas, descritas na Lei de Costas, para establecer cal é o límite que os fai cualificalos como DPMT.

A competencia de aprobación do deslinde do DPMT corresponde ao Ministerio de Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través da Dirección General de la Costa y el Mar.

Pode consutar máis información sobre o deslinde aquí.

Cales son os usos, ocupacións e actividades permitidas/non permitidas?

A utilización do dominio público marítimo-terrestre e, en todo caso, do mar e a súa ribeira será libre, pública e gratuíta para os usos comúns e acordes coa natureza daquel, tales como pasear, estar, bañarse, navegar, embarcar e desembarcar, varar, pescar, coller plantas e mariscos e outros actos semellantes que non requiran obras e instalacións de ningún tipo e que se realicen de acordo coas leis e regulamentos ou normas de aplicación.

En cumprimento da normativa de costas, poderase permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre unicamente para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización, isto é, as que desempeñen unha función ou presten un servizo que polas súas características requira a ocupación do dominio público marítimo-terrestre. En particular:

a) Os establecementos da cadea mar-industria alimentaria, nos termos sinalados no artigo 55 da Lei 4/2023, de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

b) As dotacións públicas esenciais para o abastecemento de poboacións e o saneamento e a depuración das augas residuais recollidas no artigo 60 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

c) As infraestruturas enerxéticas, preferentemente de enerxía renovable, que subministren electricidade ou gas ás actividades ou ás instalacións legalmente establecidas no dominio público marítimo-terrestre.

d) As instalacións de xeración eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables que teñan que ocupar o mar, así como as súas instalacións complementarias que requiran espazos de dominio público marítimo-terrestre en terra.

e) As instalacións náutico-deportivas necesarias para acoller a práctica de deportes náuticos.

f) As infraestruturas de soporte ás redes de comunicacións electrónicas que presten servizo ás actividades ou ás instalacións legalmente establecidas no dominio público marítimo-terrestre

g) As actividades e as instalacións de servizo público ou ao público que, pola configuración física do tramo de costa en que resulte necesario a súa colocación, non poidan situarse nos terreos lindeiros co dito dominio, sempre que a documentación que acompañe o proxecto de actividade ou instalación acredite o cumprimento da normativa de costas e inclúa un estudo de alternativas que xustifique a localización escollida.

Por tanto, calquera ocupación do DPMT debe contar co correspondente título habilitante. 

Máis información sobre o procedemento de autorización/concesión.

Limitacións e prohibicións en DPMT

  • En todo caso a ocupación deberá ser a mínima posible.
  • As edificacións de servizo de praia situaranse, preferentemente, fóra dela e deberán cumprir as condicións que para a súa instalación recollen os artigos 68 e 69 do Regulamento Xeral de Costas relativas, entre outros aspectos, á súa situación, ocupación e distancias entre servizos.
  • Quedarán prohibidos o estacionamento e a circulación non autorizada de vehículos, así como os campamentos e acampadas.
  • Estará prohibida a publicidade permanente a través de carteis ou valos ou por medios acústicos ou audiovisuais.
  • Os paseos marítimos localizaranse fóra da ribeira do mar e serán preferentemente peonís.
  • As instalacións de tratamento de aguas residuais emprazaranse fóra da ribeira do mar e dos primeiros 20 metros da zona de servidume de protección. Non se autorizará a instalación de colectores paralelos á costa dentro da ribeira do mar. Nos primeiros 20 metros fóra da ribeira do mar prohibiranse os colectores paralelos (non se entenderá incluída nos supostos de prohibición do parágrafo anterior a reparación de colectores existentes, así como a súa construción cando se integren en paseos marítimos ou outros viarios urbanos).
  • Estará prohibida a vertedura non autorizada de residuos sólidos e entullos ao mar e a súa ribeira, así como á zona de servidume de protección.
  • Non se permitirán nas praias os tendidos aéreos, salvo imposibilidade material debidamente xustificada.
  • Dentro das zonas de baño non se poderá navegar a unha velocidade superior a tres nós.

Cales son os usos, ocupacións e actividades permitidas/non permitidas en zona de servidume?

Poderanse realizar na zona de servidume de protección as obras, as instalacións e as actividades que presten servizos necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre, entre os que se atopan os seguintes:

a) as instalacións ou as actividades que favorezan o uso común do dominio público marítimo-terrestre, singularmente das praias, como os servizos de restauración, de vixilancia e de atención médica e os deportes náuticos

b) as instalacións desmontables que permitan a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas de tempada

c) as instalacións deportivas descubertas d) as acampadas ou os campamentos autorizados con instalacións desmontables, nos termos que se determinen regulamentariamente e na normativa sectorial que resulte aplicable

e) as obras e as instalacións que melloren a eficiencia enerxética de edificacións e instalacións que ocupen lexitimamente a servidume de protección ou o dominio público marítimo-terrestre

f) as obras e as instalacións que executen medidas de intervención e protección establecidas nun plan de acción da paisaxe

g) a actividade forestal necesaria para o mantemento polos seus titulares das masas forestais existentes

h) as actividades, as instalacións e as infraestruturas vinculadas á prevención e á extinción de incendios forestais

i) as obras, as instalacións e as actividades necesarias para a execución das actuacións estratéxicas recollidas no título IV da Lei 4/2023, de 6 de xullo, de ordenación e  xestión integrada do litoral de Galicia.

Nos demais casos, a necesidade ou conveniencia será determinada polo órgano competente para autorizar os usos, debendo quedar constancia da xustificación na motivación da resolución que se adopte.

Máis información sobre o procedemento de autorización.

Por último, é importante ter en conta que, se se trata de actuacións que se proxectan sobre as obras, as actividades e as instalacións legalmente implantadas na zona de servidume de protección que non comporten un incremento da altura, da superficie ocupada ou da volumetría existente nin un cambio do uso, será suficiente con presentar unha declaración responsable.

Máis información sobre o procedemento de presentación da citada declaración.

Limitaciones y prohibiciones en la Zona de Servidumbre

Con carácter xeral, estarán prohibidas:

  • As edificacións destinadas a residencia ou habitación, incluíndo as hostaleiras, calquera que sexa o seu réxime de explotación. Excluiranse desta prohibición as acampadas e os campamentos ou cámpings debidamente autorizados con instalacións desmontables.
  • A construción ou modificación de vías de transporte interurbanas cuxo trazado discorra lonxitudinalmente ao longo da zona de servidume de protección, quedando exceptuadas da devandita prohibición aqueloutras nas que a súa incidencia sexa transversal, accidental ou puntual e as de intensidade de tráfico inferior a 500 vehículos/día de media anual no caso de estradas así como das súas áreas de servizo.
  • Explotación de xacementos de áridos.
  • Liñas de alta tensión aéreas.
  • A vertedura de residuos sólidos, entullos e augas residuais sen depuración.
  • A publicidade a través de carteis ou valos ou por medios acústicos ou audiovisuais.

Infografías

Infografía Litoral 2
Infografía Litoral 1