O delegado territorial da Xunta en Ourense, acompañado da presidenta en funcións da DO Ribeiro presenta a Primavera das Portas Abertas na Ruta do Viño do Ribeiro que se desenvolverá entre os días 17 e 19 de maio

Manuel Pardo pon en valor a tradición vitivinícola do Ribeiro

O delegado territorial salientou que “O Ribeiro posúe uns pilares moi sólidos na súa tradición de elaboración de viños que constitúe, xunto á riqueza natural e histórico - patrimonial, unha das comarcas máis singulares de Galicia”

Resaltou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas impulsada pola Xunta, “co fin de motivar o consumo dos produtos galegos, e de protección, para poder garantir a digna subsistencia dos sectores primario e vitivinícola”

Manuel Pardo recalcou “o enoturismo como un turismo dun alto valor engadido e unha potente ferramenta para o desenvolvemento dun tecido socioeconómico moderno, sustentable e con futuro, nunha contorna como é o Ribeiro”

As xornadas de portas abertas contará cun ‘Bus do viño’ que sairá desde as principais cidades de Galicia (A Coruña, Santiago, Ourense, Vigo e Pontevedra), o sábado e o domingo, con destino a diferentes puntos do patrimonio histórico e as adegas do Ribeiro, onde se desenvolverán actividades de enoturismo especialmente deseñadas para esta iniciativa

Están programadas outras actividades como as catas comentadas, visitas a museos, roteiros monumentais, paseos en EcoBarco, e descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño. Destaca o ‘Sábado de tapeo’, o sábado 18 na Igrexa da Madalena de Ribadavia; o roteiro ‘Ribeiro, entre viño e igrexas’ o domingo 19 partindo e chegando de Ribadavia ou o Pic-nic entre viñedos, no Pazo de Toubes, o domingo 19

Ourense, 13 de maio de 2024

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, sinalou á utilización de variedades autóctonas tradicionais como a treixadura, o torrontés, a loureira, o caíño, o brancellao ou o sousón,  na elaboración dos viños do Ribeiro como un dos factores determinantes na produción de viños de máxima calidade, punteiros agora mesmo nos mercados nacional e internacional.

Pero trala dote singular destas castes, o delegado territorial salientou que “O Ribeiro posúe uns pilares moi sólidos na súa tradición de elaboración de viños que constitúe, xunto á riqueza natural e histórico - patrimonial, unha das comarcas máis singulares de Galicia”; “comarca, -continuou Manuel Pardo- na que os seus habitantes desenvolveron durante miles de anos unha actividade vitivinícola exemplar e de bo saber facer ata chegar aos nosos días e que hoxe quero pór en valor e ofrecelo con orgullo a quen teña o vontade de visitarnos”.

“Temos un sector responsable e sostible coa súa contorna e coas persoas que nos rodean -engadiu-  e ao seu arredor progresan moitos pobos e cidades pequenas da nosa xeografía, vertebra o territorio e ofrece emprego de calidade, aliñando esta ruta coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas impulsada pola Xunta en colaboración co sector, coas tres universidades galegas e cos axentes relevantes dos respectivos territorios para acadar a consolidación dos nosos viños nos diferentes mercados”.

Trátase dunha aposta que se fai a través da promoción, -continuou o delegado territorial-“co fin de motivar o consumo dos produtos galegos, e de protección, para poder garantir a digna subsistencia dos sectores primario e vitivinícola. Con esta planificación procúrase tamén lograr unha marxe de beneficio para todos os produtores, unha tarefa na que entra a acción dos consellos reguladores”. Neste sentido, destaca tamén a Lei da calidade alimentaria, que incide na acción dos consellos como panca facilitadora do éxito das 

Xornadas de portas abertas

Manuel Pardo, acompañado da presidenta en funcións da DO Ribeiro, Concha Iglesias, referiuse ao importante papel da viticultura nos territorios rurais nos que se produce, no acto de presentación da Primavera das Portas Abertas na Ruta do Viño do Ribeiro que se desenvolverá entre os días 17 e 19 de maio. “O enoturismo como un turismo dun alto valor engadido e unha potente ferramenta para o desenvolvemento dun tecido socioeconómico moderno, sustentable e con futuro, nunha contorna como é o Ribeiro”, subliñou o delegado territorial.

A través de marca Enoturismo en Galicia, da que forman parte o Agrupación industrial Turismo de Galicia e as cinco Asociacións dos Roteiros dos Viños das Denominacións de Orixe galegas (Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras), enmárcase unha estratexia xeral de promoción que pretende incentivar o desenvolvemento do enoturismo na nosa comunidade autónoma. 

E é precisamente baixo este paraugas que Turismo de Galicia, en colaboración con estas cinco entidades impulsoras dos Roteiros dos Viños galegas, organiza, un ano máis, outra edición do Enoturismo en Galicia, Primavera de portas abertas. Na Ruta do viño do Ribeiro terá lugar esta campaña na fin de semana do 17 ao 19 de maio de 2024.

Trátase dun programa completo de actividades de enoturismo desenvolvido, de maneira conxunta, nos cinco grandes territorios vitivinícolas galegos. Poderán facerse visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes nesta promoción, e tamén moitas actividades de enoturismo desenvolvidas nas propias adegas ou promovidas desde a institución Ruta do viño do Ribeiro e Enoturismo en Galicia. 

Participarán tamén restaurantes onde haberá menús concibidos especialmente para esta ocasión, harmonizados con viños da Denominación de Orixe, e aloxamentos, con ofertas especiais, para desfrutar dunha agradable estancia durante estes días. 

A Ruta do viño do Ribeiro conta cun plan especial de actividades para a fin de semana: autobuses do viño que sairán o sábado 18 e o domingo 19 das principais cidades de Galicia, catas comentadas, visitas a museos, roteiros monumentais, paseos en EcoBarco, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño. 

Destacar entre outras: o "Sábado de tapeo", o sábado 18 na Igrexa da Madalena de Ribadavia; o roteiro "Ribeiro, entre viño e igrexas" o domingo 19 partindo e chegando de Ribadavia ou o Pic-nic entre viñedos, no Pazo de Toubes, o domingo 19.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024