A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe os arredores do antigo espazo mineiro que se están restaurando para o uso e goce da cidadanía no concello de Valga
A Xunta investirá preto de 300.000 € na recuperación da contorna da antiga mina de Porto Piñeiro como área de lecer
Lorenzana destacou a aposta da Xunta pola transformación de zonas afectadas polas actividades mineiras para crear espazos de calidade medioambiental e social
O Goberno galego vén de autorizar o convenio de colaboración co concello de Valga por importe de 366.200€ para dotar o seu perímetro dun peche de protección que reforce a seguridade das persoas usuarias da futura zona recreativa
Valga (Pontevedra), 8 de setembro de 2024
A Xunta, a través do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Economía e Industria e o concello de Valga, investirá preto de 300.000€ para recuperar a contorna da antiga mina de extracción de arxila de Porto Piñeiro como área de lecer.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe a zona na que se levarán a cabo as actuacións de restauración. O acordo contempla a dotación dun peche de protección perimetral axeitado que reforce a seguridade das persoas usuarias da futura zona recreativa localizada na lagoa Porto Piñeiro.
En liña coa recentemente presentada Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que empregan recursos naturais en Galicia, Lorenzana destacou a aposta da Xunta pola restauración de áreas afectadas polas actividades mineiras para crear espazos de calidade medioambiental e social. Deste xeito, a cidadanía galega tamén poderá beneficiarse do impacto paisaxístico de minas históricas como a de Porto Piñeiro que, neste caso, pretende converterse no epicentro do ocio no concello de Valga para que os primeiros beneficiarios sexa a súa veciñanza.
O obxectivo do Goberno galego é poñer en valor de xeito sustentable antigos espazos mineiros co obxectivo de recuperar e renaturalizar todos os arredores para o uso e goce da cidadanía. Ao mesmo tempo, a Xunta busca revalorizar a importancia do patrimonio mineiro en Galicia e conxugar a conservación patrimonial e a calidade paisaxística co desenvolvemento sustentable dos municipios.
Neste marco, o acordo de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e a localidade arousá por importe de 366.200€ recolle, entre outras actuacións, a realización do peche perimetral con varandas acordes á morfoloxía do terreo e que, polo tanto, non supoñan un impacto visual negativo na zona e na paisaxe.