A Xunta pon en valor o programa Galicia Camiño Emprendedor para dar un pulo aos negocios a través da mentorización

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais percorre hoxe o tramo final da 4ª etapa da iniciativa -entre O Cebreiro e Sarria, dentro do Camiño Francés-, onde puxo de relevo a ducia de persoas emprendedoras que camiñan hoxe canda el

Pablo Fernández explicou que a actuación ofrece asesoramento axudando ás persoas traballadoras autónomas a consolidar as súas empresas ao tempo que se promociona Galicia e o Camiño de Santiago como destino de ocio e actividade económica

Engadiu apoios aos autónomos como a cota cero para novas altas ou o Bono Remuda para garantir a continuidade dos negocios viables

Samos (Lugo), 13 de setembro de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, percorre hoxe desde Samos o tramo final da cuarta etapa do programa autonómico Galicia Camiño Emprendedor (comprendida entre O Cebreiro e Sarria, dentro do Camiño Francés) poñendo de relevo que coa iniciativa se ofrece aos traballadores autónomos asesoramento para axudarlles a consolidar os seus negocios, mentres se realizan tramos do Camiño de Santiago co obxectivo tamén de promocionar Galicia e a ruta Xacobea como destino de ocio e actividade económica.

O programa, no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración colabora coa Axencia Turismo de Galicia e coa Fundación Ronsel, utiliza a metodoloxía da mentorización, que se basea na relación de confianza entre o titor e a persoa acompañada. É unha fórmula pola que aposta a Xunta para desenvolver o potencial das persoas participantes, garantindo o acompañamento permanente dun mentor e a creación dunha rede de contactos profesionais para mellorar a actividade profesional.

Deste xeito, no caso concreto de hoxe, segundo puxo en valor o secretario xeral, camiñan canda el unha ducia de emprendedores, a metade deles mentores e a outra metade persoas asesoradas por eles. Sobre os sectores nos que desenvolven o seu traballo, destaca o das actividades artísticas, recreativas e de entretemento, pero tamén o das comunicacións, entre outros.

Pablo Fernández destacou que o impulso ao emprendemento e ao traballo autónomo é a mellor aposta para xerar progreso e innovación, dinamizar o territorio e fixar poboación. Por iso, indicou que a Xunta está a poñer en marcha programas como o Galicia Camiño Emprendedor para dar apoio aos autónomos, xunto con outras axudas como a cota cero para novas altas implantada este ano ou o Bono Remuda para garantir a continudade dos negocios, ambas con prazo de solicitude aínda aberto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2024