Xunta e Porto de Vigo colaboran nun novo espazo accesible na fachada portuaria

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, e a delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, as obras que se están a desenvolver no segundo tramo do viario de Beiramar, entre a praza Industria Conserveira e a igrexa de San Miguel de Bouzas, que se prevé rematar a finais deste ano

A humanización da fronte portuaria dende o Areal ata Bouzas é froito da colaboración entre Xunta e Autoridade Portuaria, cun investimento total de 5,17M€, dos que 3,5M€ son fondos Next Generation da Unión Europea, destinados pola Administración autonómica para levar a cabo a actuación entre o Areal ata Bouzas

A actuación é pioneira tamén en materia de accesibilidade e o tramo visitado hoxe estará adaptado para persoas con mobilidade reducida, con discapacidade visual e contará cun sistema de información adaptado para persoas con espectro autista

Allegue destaca a renovación integral “desta zona privilexiada da cidade” e subliña que a actuación a Xunta “amosa unha vez máis o seu compromiso con Vigo”

Vigo, 11 de outubro de 2024

Xunta de Galicia e Autoridade Portuaria de Vigo prevén ter rematadas a finais deste ano as obras de humanización de toda a fronte portuaria, dende o Areal ata Bouzas, na que invisten un orzamento total de 5,17M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe xunto ao presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, os traballos que se executan do tramo entre a praza Industria Conserveira e a igrexa de San Miguel de Bouzas.

A conselleira puxo en valor a colaboración coa Autoridade Portuaria para recuperar a fronte portuaria de Vigo, “unha obra moi demandada” e lembrou que do orzamento de 5,17M€, un total de 3,5M€ son fondos Next Generation da Unión Europea destinados pola Administración autonómica para levar a cabo dous tramos clave, que discorren entre O Berbés e Portocultura, xa posto á disposición da cidadanía o pasado ano, e o que está en obras, entre a citada praza Industria Conserveira e Bouzas. 

En concreto, neste segundo tramo, a humanización e a habilitación de espazos máis seguros para o tránsito peonil e de bicicletas execútase ao longo de 1,5km e suporá poñer á disposición da cidadanía 11.300 metros cadrados de espazo público, ademais dunha zona axardinada de 1.400 metros cadrados, novo mobiliario urbano e prazas de estacionamento de bicicletas, entre outras actuacións.

A actuación é pioneira tamén en materia de accesibilidade. O tramo visitado hoxe está adaptado para persoas con mobilidade reducida, para persoas con dificultade visual e será tamén un espazo accesible para as persoas con trastorno de espectro autista, coa dotación dun sistema de información específica adaptada para este colectivo. Disporanse mapas cognitivos accesibles en varios puntos con códigos QR con información adaptada a este colectivo para fomentar a participación da cidadanía, tanto persoas con autismo como con dificultades cognitivas.

“Grazas a esta colaboración entre o Executivo galego e a Autoridade Portuaria -sinalou M. Allegue- estamos a realizar esta humanización, que era necesaria para Vigo e para dar a coñecer esta parte da cidade que permanecía allea á veciñanza e a visitantes. Son obras que mellorarán a mobilidade sostible, a accesibilidade a seguridade viaria cunha conexión contigua entre Areal e Bouzas, mellorando ese tránsito peonil e ciclista e facilitando a integración da cidade, compatibilizando os usos portuarios cos da cidadanía”. E amosou a disposición da Xunta para seguir a colaborar coa Autoridade Portuaria con actuacións “que permitan esa maior calidade de servizos para a cidadanía galega, especialmente para a de Vigo”.

A conselleira reiterou que con esta actuación, a Xunta amosa “unha vez máis” o seu compromiso con Vigo. “Facer cidade é programar actuacións, é investir e executar e iso é o que estamos a facer, aínda con máis afán en Vigo”, sinalou referíndose máis en concreto ao investimento en infraestruturas viarias. Neste senso, lembrou actuacións rematadas como a mellora da accesibilidade na PO-330 Vigo-Vincios, por importe de 1,7M€, e da primeira fase da mellora da PO-323, a avenida de Galicia en Teis (por 1,27M€). Neste momento estase a acometer a segunda fase desta última estrada, cun orzamento de 4,1M€. Tamén se referiu á aposta que está a realizar a Administración autonómica por “outras infraestruturas que dan servizo á cidadanía” como a execución do CIS Olimpia Valencia ou todas as actuacións en vivenda en Navia coas futuras 1.600 vivendas protexidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2024