O presidente da Xunta participou no acto conmemorativo do aniversario do centro en Nigrán
Rueda enxalza os 40 anos do Centro Juan María de dedicación e apoio ás persoas con discapacidade en pro dunha sociedade máis xusta e inclusiva
Agradeceu o labor que leva a cabo a través do seu centro educativo, de día e ocupacional, así como do centro especial de emprego, os cales facilitan a autonomía, o desenvolvemento persoal e a integración laboral dos usuarios
Expresou o compromiso da Xunta con este tipo de entidades, destacando o apoio á economía social a través dunha partida de 45 M€ nos orzamentos autonómicos de 2025 ou ao concerto social, que supón un investimento de máis de 100 M€ ao ano
Nigrán (Pontevedra), 7 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na celebración do 40 aniversario do Centro Juan María, ao cal destacou como un referente no apoio e inclusión de persoas con discapacidade intelectual.
Durante o acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o titular do Goberno galego salientou o compromiso incansable de familias, profesionais e voluntarios que, ao longo destas catro décadas, lograron transformar vidas e promover unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Neste sentido, agradeceu o labor que leva a cabo a través do seu centro educativo, de día e ocupacional, así como do centro especial de emprego, os cales facilitan a autonomía, o desenvolvemento persoal e a integración laboral dos usuarios. Así mesmo, tamén expresou o compromiso da Xunta con este tipo de entidades, destacando o apoio á economía social a través dunha partida de 45 M€ nos orzamentos autonómicos de 2025 ou a importancia de seguir blindando a estabilidade deste tipo de entidades a través do concerto social, que supón un investimento de máis de 100 M€ ao ano.
Finalmente, Rueda quixo agradecer tamén ao presidente saínte, José Antonio Pumarega, polo seu labor ao longo de 24 anos, e desexou moitos éxitos a Manuel González, o novo presidente da entidade.