Medio Rural avanza no plan de fomento da remuda xeracional que incluirá un programa de titorización para mozos e novas persoas agriculturas
Así o explicou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento
Tamén na Comisión 7ª, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, deu conta dos usos e investimentos que se están a levar a cabo nos centros de formación e experimentación agraria dependentes da Consellería
A maiores, o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, explicou as medidas de apoio á Denominación de Orixe Ribeira Sacra por parte do Goberno galego
Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, explicou o estado do proxecto de actuacións de mantemento e restauración dos canais da Limia
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2024
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, explicou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento os avances do Plan de Remuda Xeracional da Consellería do Medio Rural, que incorporará un programa de titorización, baseado en asesores públicos e formación específica, e que estará ligado ás axudas para a incorporación de mozos e persoas de entre 40 e 55 anos á actividade agraria.
En resposta a unha pregunta sobre o plan, José Balseiros sinalou que este programa de titorización permitirá asignar recursos formativos ás persoas que se incorporen á actividade agraria a través das axudas, para aumentar as súas posibilidades de éxito. Para logralo, engadiu, crearase unha rede de titores capaces de acompañar a máis dun milleiro de persoas beneficiarias destas achegas no período 2024-2030. A rede, explicou, estará formada por persoal técnico agrario das oficinas rurais da Consellería do Medio Rural.
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias tamén fixo fincapé noutras medidas que son de importancia dentro deste Plan de Remuda Xeracional como é o Banco de Explotacións, co que se facilitará o contacto entre as persoas titulares de explotacións agrarias que van cesar a súa actividade e aquelas interesadas en asumir a xestión dunha, mediante compra ou alugueiro. A maiores, os propietarios disporán dunha axuda para a sucesión de explotacións, dotada con 2,11 millóns de euros para o período 2025-2029.
Ademais, José Balseiros tamén puxo en valor as axudas para a incorporación de mozos, que na convocatoria deste ano están dotadas con 16 millóns de euros, e ás que se engadiu unha nova liña destinada para novas persoas agricultoras de entre 40 e 55 anos de 3 millóns de euros. Sobre estas axudas, o director xeral destacou que se recibiron un total de 585 solicitudes e nos últimos 15 anos permitiron a incorporación de máis de 5.000 persoas á actividade agrogandeira, cun investimento de 145 millóns de euros.
Centros de formación e experimentación agraria
En resposta a outra pregunta, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, puxo en valor os usos dos seis centros de formación e experimentación agraria da Consellería do Medio Rural, destinados para formación profesional regrada ou continua habilitante, para actividades de transferencia tecnolóxica, para plataforma de teleformación en liña, para servizos complementarios como residencia ou comedor ou para a súa cesión para actividades relacionadas co rural.
Alemparte destacou que estes son os usos destes centros, nos que este ano se ofertaron un 11% máis de prazas para o actual curso, pasando de 328 a 364. Ademais, tamén se seguen a facer investimentos para mellorar as súas instalacións. Neste sentido, o director da Axencia explicou que entre os anos 2022 e 2024 investíronse preto de 25 millóns de euros e no 2025 cóntase cunha partida de case 3 millóns para investimentos nestes centros, xunto con algo máis de 1,2 millóns para gastos de funcionamento. A maiores, sinalou que está previsto iniciar a execución da segunda fase das obras do CFEA de Sergude.
Axudas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, tamén participou na Comisión 7ª do Parlamento para responder a unha cuestión relacionada coa destilación de crise aprobada pola Comisión Europea ante os problemas de excedentes de viño na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Sobre isto explicou que a convocatoria de axudas para a destilación de crise está dotada de 500.000 euros, con posibilidade de ampliación.
Ademais, fixo fincapé noutras medidas de apoio para esta DO como son axudas para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, que contará cunha dotación de 2 millóns de euros, a promoción do ecorrexime da PAC de cultivos leñosos en terreos con pendente e as achegas para a recollida de uva concedidas a través do Igape. A maiores, animou ao consello regulador a tomar medidas para afrontar a actual situación de excedentes e asegurou que, nesta tarefa, terá á súa disposición ao Goberno galego.
Limpeza das canles da lagoa de Antela
Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, compareceu para dar resposta a outra cuestión sobre o proxecto da Consellería do Medio Rural de actuacións de mantemento e restauración dos canais da Limia, elaborado en colaboración co Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, procurando na súa redacción o consenso entre as partes implicadas: o Goberno central, a Xunta, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, os concellos e as comunidades de regantes da zona.
As obras, segundo explicou a directora xeral, resultan necesarias para emendar un menoscabo producido ao longo do tempo no seu funcionamento hidrolóxico, contribuíndo a dar cumprimento aos obxectivos da normativa ambiental, así como os usos e aproveitamentos establecidos, e tamén a paliar os efectos negativos derivados das inundacións ou da contaminación difusa.
O proxecto, que prevé aplicarse en 215 quilómetros en 89 canles cun investimento de 12 millóns de euros, estuda distintas actuacións. Rodríguez sinalou que ten por obxecto recuperar e mellorar a morfoloxía e continuidade lonxitudinal, transversal e vertical das canles, a mellora do estado ecolóxico e calidade das augas e a contribución para a recuperación dos hábitats naturais destas zonas.