A Xunta clausura o Programa Integrado de Emprego de Ferrol que mellorou a empregabilidade de máis dun cento de persoas no último ano

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na sede de Afundación na xornada de clausura deste programa que contou cunha financiación do Goberno galego de 220.000 euros a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Destacou o 62 % de inserción laboral acadada polo alumnado, “superando con creces o obxectivo marcado ao inicio do programa”

Ferrol, 27 de novembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá xunto ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, na xornada de clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) promovido polo Concello no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración investiu 220.000 euros.

Durante a súa intervención, Aneiros destacou o 62 % de inserción laboral acadada polo alumnado “superando con creces o obxectivo marcado ao inicio do programa situado nun 43 %” e animou aos participantes a aproveitar a formación adquirida de cara a mellorar as súas oportunidades de atopar un posto de traballo.

Os 112 alumnos que participaron no programa melloraron a súa formación en ámbitos vinculados ao sector da alimentación, almacén, limpeza e comercialización, entre outros. Ademais recibiron cualificación transversal en novas tecnoloxías, técnicas de busca de emprego, habilidades sociais, intelixencia emocional ou emprendemento.

A delegada territorial lembrou que o Programa Integrado de Emprego de Ferrol estivo dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas demandantes de emprego con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral a través de diferentes accións e durante un período de 12 meses.

No presente curso 2024/2025 a Xunta de Galicia financia con 580.000 euros un total de tres Programas Integrados de Emprego (PIE) nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Trátase dos PIE promovidos polo Concello de Ferrol; polo Concello das Pontes, que abrangue tamén como ámbito de actuación os municipios das Somozas e A Capela, e pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, exclusivo para mulleres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2024