O Servizo Galego de Saúde publica a lista de persoas seleccionadas no concurso de méritos de 43 especialidades de facultativo especialista de área e 4 de licenciado sanitario
Ofértanse 343 prazas de facultativo especialista de área e 46 de licenciado sanitario
A idade media das persoas admitidas é de 39 anos e o 72 % dos participantes son mulleres
Publícase tamén a baremación definitiva de ambos os procesos selectivos de estabilización
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde coas baremacións definitivas e as listas de persoas seleccionadas no concurso de méritos de 43 especialidades da categoría de facultativo especialista de área e outras 4 categorías de licenciado sanitario.
Ofértanse neste proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, 4 prazas para farmacéutico de atención primaria, 8 prazas para médico coordinador 061, 1 praza para médico de admisión e documentación clínica, 32 prazas para médico de urxencias hospitalarias, 1 para técnico de saúde de atención primaria e, por outra banda, 343 prazas para a categoría de facultativo especialista de área nas especialidades de alergoloxía, análises clínicas, anatomía patolóxica, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, cirurxía xeral e aparello dixestivo, dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, farmacoloxía clínica, hematoloxía e hemoterapia, inmunoloxía, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, oncoloxía radioterápica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, reumatoloxía, uroloxía e xeriatría.
A idade media das persoas admitidas neste proceso selectivo de estabilización é de 39 anos e o 72 % das participantes son mulleres.
A baremación definitiva do proceso selectivo para facultativo especialista inclúe a execución do fallo xudicial do Tribunal Supremo e pasan a valorarse de forma xustificada en 0,15 puntos/mes os servizos prestados en institucións sanitarias do sistema sanitario público doutros servizos de saúde do Sistema Nacional de Saúde diferentes ao Servizo Galego de Saúde.
Coa publicación destas resolucións ábrese un prazo de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución (é dicir, do 18 de decembro ao 17 de xaneiro de 2025) para que os aspirantes que foron seleccionados no proceso presenten a documentación correspondente.
Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con estes dous procesos selectivos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.