A delegada territorial da Xunta en Ferrol acudiu á nave municipal de formación localizada no polígono industrial A Rega-Cuíña
Martina Aneiros dá a benvida en Ortigueira aos 20 alumnos que participan no obradoiro dual de emprego ‘Terras do Ortegal II’
Trátase dunha iniciativa promovida polos concellos de Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón e financiada cunha axuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 412.000 euros
O itinerario formativo, que terá unha duración de 9 meses, impartirase na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
Ortigueira (A Coruña), 17 de decembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada dos alcaldes de Ortigueira, Valentín Calvín; Cariño, Ana López; Cerdido, Alberto Rey; e Mañón, Alfredo Dovale, deu hoxe a benvida aos 20 alumnos que iniciaron o obradoiro dual de emprego Terras do Ortegal II. Alí puxo en valor este itinerario formativo que resultou beneficiario dunha axuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de 411.870 euros, no marco da convocatoria 2024-2025.
A formación, que terá unha duración de 9 meses, impartirase na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
A delegada territorial destacou que iniciativas coma esta contribúen a reforzar a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais a prol do emprego. Así, lembrou que, ademais de formarse e realizar un traballo de interese público, os alumnos obterán un certificado de profesionalidade e a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito, neste caso sociosanitario, por un mínimo de tres meses, unha vez completen a formación.
Aneiros puxo en valor ademais a comuñón do itinerario formativo coas necesidades reais dunha contorna rural como é a do Ortegal, “cunha poboación moi dispersa e envellecida” e animou aos participantes a sacar o maior rédito do mesmo.
Os obradoiros duais de emprego como o Terras do Ortegal II poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.
Este é un dos catro que a Xunta financia este curso 2024-2025 en Ferrolterra cun investimento de 1,3 M€. Deles beneficiaranse 65 persoas en situación de desemprego, priorizando as que teñen dificultades de inserción como poden ser emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero ou as persoas con diversidade funcional.