A Xunta dota dun ascensor o CEIP San Isidro de Neda cun investimento próximo aos 69.000 euros
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos de instalación da nova infraestrutura que mellorará a accesibilidade do centro educativo
Este investimento é un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles
Neda (A Coruña), 28 de febreiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Neda, Ángel Alvariño, visitou esta mañá o CEIP San Isidro para supervisar as obras de instalación dun ascensor nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP investiu 68.852 euros.
Este centro educativo consta de dúas plantas, baixa e primeira, onde a diferenza de cota entre a rúa e a planta baixa sálvase por medio dunha rampla. Neste caso, o ascensor, con capacidade para oito persoas, proxectouse por fóra da envolvente actual do inmoble debido á complexidade construtiva de introducilo polo interior do edificio, xa que obrigaría a intervir na estrutura do mesmo coa apertura de ocos nos forxados e o consecuente reforzo dos mesmos e dos pórticos. Así, instalouse nun patio de fachada, preto das escaleiras de acceso á planta superior.
“Este investimento, ao igual que os que se levaron a cabo no CPI O Feal e os CEIP A Gándara, Pazos ou Virxe do Mar nos últimos anos para a instalación doutros cinco ascensores, é un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, sinalou Aneiros.
Estas actuacións están incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está modernizando os centros de ensino, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas actuais.