Medio Rural modifica a orde de axudas de silvicultura e amplía o prazo de solicitudes ata o 28 de abril

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde correspondente, para facilitar o trámite aos interesados nunhas achegas que teñen como finalidade fomentar a silvicultura produtiva de coníferas e a mellora ambiental de frondosas e dos soutos

Ao tempo, nesta modificación regúlase especificamente o dereito de cesión de cobramento das axudas concedidas, para reforzar a claridade e seguridade xurídica na súa aplicación

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se modifica a convocatoria de axudas para fomentar a silvicultura produtiva de coníferas e a mellora ambiental de frondosas e dos soutos de forma que, entre outros cambios, se amplía o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro día 28 de abril.

Esta medida adóptase para facilitar aos interesados o trámite de petición destas achegas, que contan cun orzamento bianualizado de 15 millóns de euros, cofinanciados polo fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Así, estimouse necesario ampliar o devandito prazo coa finalidade de garantir que as persoas que xa presentaron a súa solicitude antes de publicar a modificación poidan optar por mantela ou modificar a súa petición inicial. Así mesmo, permítese que aquelas persoas que non realizaron a súa solicitude no prazo anterior poidan formalizala, adaptándose ás novas condicións establecidas. Deste xeito, asegúrase un tratamento equitativo e flexible, facilitando a participación de todos os interesados en función das novas disposicións.

Ademais, a modificación desta norma permite regular especificamente o dereito de cesión de cobramento das axudas concedidas. Así, incorpórase nas bases reguladoras unha referencia explícita a esta posibilidade de cesión e detállase a documentación necesaria para formalizala e xustificala. O obxecto desta modificación é reforzar a claridade e seguridade xurídica na aplicación das axudas, garantindo que os dereitos de todas as partes implicadas sexan adecuadamente protexidos.

Esta liña de axudas ten como principais obxectivos favorecer o crecemento da masa e a obtención de madeira para poñer a disposición do mercado materia prima de alta calidade, así como fomentar a aplicación dunha silvicultura activa que favoreza a recuperación de masas existentes e a multifuncionalidade do monte.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250328/AnuncioG0426-250325-0001_gl.html

Data de actualización: 28/03/2025