A Xunta acomete este ano obras por máis de 4,6 M€ en centros educativos de Vilagarcía de Arousa
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visita hoxe os traballos de ampliación e reforma no Colexio CEIP Plurilingüe Arealonga
Tamén está en execución a ampliación do CIFP Fontecarmoa e a piques de iniciarse a instalacións dun ascensor no Instituto IES O Carril
Vilagarcía de Arousa, 3 de maio de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe Arealonga, en Vilagarcía de Arousa, onde o seu departamento está a iniciar as obras de ampliación, que contan cun orzamento de 712.000 €.
Román Rodríguez destacou que a Xunta de Galicia acomete este ano obras por máis de 4,6 M€ en tres centros educativos de Vilagarcía. Neste sentido, detallou que, ademais desta en Arealonga, “está en execución a ampliación do Centro Integrado de FP Fontecarmoa e, a piques de comezar, a instalación dun ascensor no Instituto IES O Carril”.
“Con estas actuacións demostramos o compromiso do Goberno galego, ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, coas instalacións educativas deste concello pontevedrés”, incidiu o conselleiro.
Ampliación e reorganización de espazos
Os traballos no CEIP Plurilingüe Arealonga teñen un prazo de execución de seis meses e están nunha fase inicial. En concreto, ampliarase o centro en 130 m² e a reformaranse outros 506 m². O obxectivo da actuación é reorganizar os espazos do centro para mellorar o acceso ao mesmo e ampliar o edificio de Infantil, de tal maneira que se poida colocar un ascensor e un segundo núcleo de escaleiras, ademais dun aseo adaptado. Todas as edificacións quedarán conectadas mediante pasarelas cubertas, de xeito que o acceso entre unhas e outras se realice sempre a cuberto.
Así mesmo, dotarase o colexio dun comedor e dunha sala para a anpa, entre outros espazos. A maiores, mellorarase a eficiencia enerxética co illamento térmico da súa fachada e o cambio de parte das fiestras e cubertas, así como a substitución das luminarias.
Outras actuacións
No caso do CIFP Fontecarmoa, a ampliación do centro está executada a aproximadamente o 20 %. Cun investimento de máis de 3,7 M€, a obra suporá crear unha nova superficie total de 2.210,29 m² construídos, a maioría deles no edificio de talleres, mentres que o principal medrará en 335 m². Como resultado, o centro contará con novos espazos para talleres, reorganizaranse os espazos e crearase un soto técnico para instalacións, entre outras melloras.
Por outra banda, no IES O Carril instalarase un ascensor, cun orzamento de preto de 170.000 €. A intervención completarase coa instalación na planta baixa dun novo aseo accesible e co cambio do falso teito e luminarias dos vestíbulos principais das tres plantas e dos corredores que comunican coas aulas.